DEPORTES

Todo listo para o decisivo partido entre as seleccións de rugby de España e Portugal

15/03/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu en Raxoi a recepción con motivo do partido internacional de rugby correspondente ao Seis Nacións B que enfrontará ás seleccións de rugby de España e Portugal o sábado 16, ás 18:00 horas, no estadio de San Lázaro.

Xogadores, técnicos e directivos do combinado español acudiron a esta cita previa ao partido, transcendental para as súas aspiracións de clasificación para o próximo Mundial. Ángel Currás desexoulles sorte aos xogadores e expresou a súa seguridade de que estarán arroupados polo público compostelán.

Este partido culminará unha semana de festa do rugby galego, coa que se celebran os 30 anos da Federación Galega de Rugby. Ás actividades xa realizadas durante a semana sumaranse nesa mesma xornada de sábado o torneo de veteranos previsto nos campos de atletismo e hóckey da USC. 250 participantes, integrados en 12 equipos, competirán dende as 10:00 ás 14:30 horas. Ao mesmo tempo, en San Lázaro II, 300 nenos españois e portugueses, de 4 a 14 anos, disputarán un torneo infantil.

Dende as 12:00 ás 23:00 horas estarán instaladas varias carpas na explanada da grada de preferencia de San Lázaro. Alí haberá merchandising, restauración e mesmo música a cargo da Orquestra Escaparate e de varios Dj’s.

As entradas teñen un custo de 10 euros en tribuna, 9 en preferencia e 7 nos fondos. Os menores de 14 anos poderán entrar de balde nos fondos. O partido poderá verse en directo a través de Canal + HD Deportes 2 e Sportmanía, e na web da Federación Española de Rugby.

Compartir: