ALCALDÍA

Expertos en diversos ámbitos da arqueoloxía debaten en Santiago sobre os novos retos da divulgación desta ciencia

14/03/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, inaugurou no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento a xornada Análise da aplicación das novas tecnoloxías á arqueoloxía. A problemática da divulgación, organizada polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España en colaboración co Concello.

"A necesidade e a importancia de mostrar e ensinar o noso patrimonio arqueolóxico levounos a proseguir co empeño da divulgación, pero analizando agora as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías", indicou o alcalde a propósito da temática da xornada. Neste sentido, apuntou o compromiso das 13 cidades españolas Patrimonio da Humanidade con esta divulgación arqueolóxica, "fundamental para socializar a protección do patrimonio". "Se a sociedade non sabe o que ten aos seus pés, se a sociedade descoñece o legado material dos seus antepasados e a significación do mesmo, dificilmente poderá esixir ou compartir a protección deses bens", dixo.

Esa protección considerouna un deber humanístico e unha forma de respectar a identidade e de comprender o devir histórico, pero tamén un instrumento para "atraer un maior volume de visitantes cun sesgo cultural". Por iso, engadiu, "que as cidades patrimonio lle poidamos ofrecer ao mundo -a través das novas tecnoloxías- una recreación virtual de diversos estadios históricos, constitúe unha oportunidade que non debemos desaproveitar. Oportunidade directa, por certo, para moitos profesionais da arqueoloxía, da historia, da historia da arte, da antropoloxía, das aludidas novas tecnoloxías, etc".

Esta sesión, aberta ao público, contou pola mañá cun relatorio a cargo de Jordi Pardo Rodríguez, da Fundación Barcelona Media, quen falou sobre "Tecnoloxía, comunicación e xestión dos proxectos de política cultural. Novas posibilidades nos modelos de financiamento e comunicación". A continuación, intervención de Alfredo Grande León, da Sociedade Española de Arqueoloxía Virtual, baixo o título "Arqueoloxía virtual: documentación, conservación e difusión do patrimonio na era dixital".

Xa para a tarde estaba prevista a vez para Joan Santacada Mestre, da Universidade de Barcelona, cun relatorio denominado "Arqueoloxía virtual versus reconstrución histórica". Finalmente, Rafael Azuar Ruíz, do Museo Arqueolóxico de Alacante, falará sobre "As TIC na museografía arqueolóxica". Esta sesión aberta pecharase cun debate.

Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio
Estas xornadas transcorren en paralelo á Asemblea do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, que reunirá entre o 15 e o 16 de marzo na capital galega aos alcaldes de Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo.

A reunión forma parte do calendario de accións aprobado o ano pasado en Segovia, e que contempla encontros en Santiago de Compostela (15-16 marzo), Córdoba (xuño do 2013) e Salamanca (novembro do 2013).

Os doce alcaldes invitados – Pedro Arahuetes García, de Segovia, presidente do GCPHE; Pedro Acedo Penco, de Mérida; Juan Manuel Ávila Francés, de Cuenca; José Félix Ballesteros Casanova, de Tarragona; Francisco Javier Bello Nieto, de Alcalá de Henares; Fernando Clavijo Batllé, de San Cristóbal de la Laguna; Alfonso Fernández Mañueco, de Salamanca; Emiliano García-Page, de Toledo; Miguel García Nieto, de Ávila; Elena Nevado del Campo, de Cáceres; José Antonio Nieto Ballesteros, de Córdoba, e Mariemma Sánchez-Jáuregui de Ibiza- chegarán á cidade o venres 15 para celebrar ás 18.00 h no Salón Noble do Pazo de Raxoi a Comisión Executiva. Previamente, ás 17.45 h, o presidente do grupo e alcalde de Segovia, asinará no Libro de Ouro do Concello.

Tamén asistirán no Hostal dos Reis Católicos ao concerto de presentación (20:30 h) do VII Festival de Músicas Contemplativas, coa actuación dos grupos de cámara da Escola de Altos Estudos Musicais.

Un orzamento para a promoción conxunta
O sábado 16 terá lugar a Asemblea de alcaldes (10:30 h), ademais do encontro coa prensa no Salón Verde (12:30 h) e a foto de familia na Praza do Obradoiro. Durante a asemblea, o grupo aprobará un orzamento de 1,3 millóns de euros para 2013 e resolverá a contratación do seu novo xerente, que se encargará da execución do Plan Estratéxico Plurianual nos vindeiros tres anos.

Así mesmo, as Cidades Patrimonio repasarán as actuacións de promoción e comercialización turística previstas nos convenios que asinan anualmente con Turespaña, Renfe e Paradores, e que supoñen a divulgación da súa imaxe e atractivos nas feiras e eventos dos máis importantes mercados emisores do mundo.

As trece cidades españolas con recoñecemento da Unesco suman máis de 500 monumentos de interese cultural, preto de 48.000 prazas hoteleiras e máis de 2.000 restaurantes, un conxunto que recibe a visita de máis de 4 millóns de viaxeiros anuais.

O GCPHE foi creado no 1993 co gallo de "actuar de maneira conxunta na defensa do patrimonio histórico e cultural destas cidades e no mantemento e potenciación das súas formas de vida, realizando proxectos comúns e establecendo políticas de intercambios de experiencias".

Compartir: