TURISMO

Santiago de Compostela promociona a súa Semana Santa en Madrid e Barcelona

13/03/2013 Turismo de Santiago organiza esta semana dúas presentacións específicas da Semana Santa na cidade para incentivar o mercado nacional nesas datas. A primeira das presentacións, dirixida a medios e turoperadores, realizouse en Madrid. A outra farase en Barcelona.

Estas dúas presentacións súmanse á presentación que se fixo a semana pasada na ITB de Berlín, na que a concelleira de Turismo, Reyes Leis, estivo acompañada de representantes da Asociación Hostalería Compostela. Trátase da primeira vez que Turismo de Santiago fai unha promoción específica da Semana Santa, con presentacións fora da cidade.

A primeira presentación celebrouse este mércores na Casa de Galicia de Madrid, que colaborou con Turismo de Santiago cedendo as súas instalacións. A segunda será o xoves 14, ás 11:00 horas, no Centro Galego de Barcelona, que tamén colabora cedendo as súas instalacións para celebrar os eventos. En ambas presentacións poderase degustar Tarta de Santiago de Tartas Lestedo, grazas á colaboración da Asociación Hostalería Compostela.

O contido das presentacións son os atractivos da cidade durante a Semana Santa, que se poden consultar na páxina desenvolvida por Turismo de Santiago www.semanasantasantiago.com. Xiran en torno ás procesións e actos litúrxicos que se celebrarán na cidade, pero tamén outras actividades que se celebrarán nesas datas e que darán unha maior dimensión á Semana Santa.

Do 22 ao 31 de marzo celebrarase a primeira edición de Santiago Pasión, organizado pola Asociación Hostalería Compostela coa colaboración de Turismo de Santiago. Participarán restaurantes da cidade que ofertarán menús temáticos a un prezo de 18 euros. Todos os clientes recibirán como agasallo un conxunto de publicacións gastronómicas.

Tamén terá lugar a VII edición do Festival de Músicas Contemplativas, no que se celebrarán 18 concertos entre o 21 e o 31 de marzo, en diferentes igrexas e no Auditorio de Galicia, aos que se suma un concerto de presentación, a cargo dos alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais, o 15 de marzo.

Compartir: