CULTURA

"O Crebanoces" de Chaikovski pola Banda Municipal de Música e Títeres con Sacha

13/03/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Victor Carou, presentou a representación de O Crebanoces de Chaikovski, un programa que conta coa Banda Municipal de Música e Títeres con Sacha, dentro do ciclo Infantil e Familiar. Na rolda estiverón tamén X. Carlos Seráns, director da Banda; Larraitz Urruzola, responsable da coordinación; e José Luis López "Sacha", actor. O espectáculo para títeres de mesa, dirixido a público familiar, será o domingo 17 de marzo, ás 12:30 horas, no Teatro Principal. Está recomendado para nenos partir de 3 anos e a entrada é de balde ata completar aforo.

O Crebanoces narra como na noite de Nadal o padriño regálalle á pequena Clara un crebanoces con forma de boneco. De tanto partir noces, o boneco acaba rompendo, e Clara desgústase moito. Para consolala, o padriño contaralle a historia do boneco Crebanoces, xa que o Crebanoces en realidade é un valente personaxe que loitou co seu exército de xoguetes contra a raíña dos ratos.

O espectáculo é para títeres de mesa con técnica mixta (siluetas, bocóns, obxectos e outros). A duración do espectáculo é de 60 minutos. Está dirixido a público familiar, de maneira que o goce será maior na medida en que acudan os nenos cos seus pais, cos seus irmáns máis vellos ou cos avós.

No espectáculo soa completa a suite do Crebanoces de Chaikowski. Durante a execución da música hai pantomimas dos bonecos, e entre unha e outra parte musical hai escenas con partes faladas dos bonecos e narración cara ao público. A idea do espectáculo xorde do concerto didáctico sobre o Crebanoces de Chaikovski no que Santi Prego traballa en Nadal do 2008 en combinación coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela.

Compartir: