XUVENTUDE

Xuventude busca nova imaxe

13/03/2013 A Concellería de Xuventude pon en marcha o I Certame de Creación IMAXINART 2013, co obxectivo de buscar a súa nova imaxe gráfica corporativa. Os traballos poderán presentarse do 14 de marzo ao 30 de abril.

A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, e o seu predecesor no cargo, Adrián Varela, presentaron este certame, no que se promocionará e premiará a creatividade dos mozos composteláns. A finalidade do concurso é a creación da imaxe corporativa a empregar nos materiais publicitarios dos diferentes programas e actividades a desenvolver polo Departamento durante o último semestre de 2013 e o primeiro de 2014.

Os participantes deberán achegar un logotipo onde se inclúa o texto "Xuventude", un cartel para o programa de actividades e outro para o Certame MúsicaXove’13. O xurado premiará a coherencia na temática do traballo presentado, a calidade técnica da representación e a creatividade.

A inscrición no certame e a entrega de toda a documentación deberá realizarse no Rexistro Xeral do Concello. Toda a información pódese consultar no Departamento de Xuventude, situado no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa Frei Rosendo Salvado, 14-16, no teléfono 981 543 001, no fax 981 543 002 ou na dirección electrónica dptoxuventude@santiagodecompostela.gal. As bases e o boletín de inscrición estarán dispoñibles nesta web municipal a partir da vindeira semana.

Actividades formativas e de lecer
O concelleiro Adrián Varela aproveitou a rolda de prensa para repasar as diferentes accións que o Departamento de Xuventude ten en marcha, a primeira das cales, o Programa de Ocio e Aventura en Semana Santa, xa ten as súas 40 prazas cubertas e 15 solicitantes en lista de espera.

En canto ao Curso de Monitor de Tempo Libre, previsto para xuño e xullo, aínda quedan 15 prazas libres das 25 ofrecidas. O Curso de Formación en Coaching ten xa 20 inscritos, polos 22 do Curso de Xestión Eficaz das Redes Sociais e do Curso de Arte e Moda. O Curso de Fotografía en Acción tamén está completo.

Compartir: