ALCALDÍA

Os alcaldes das Cidades Patrimonio da Humanidade de España celebran a súa Asemblea en Santiago

13/03/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou os actos con motivo da celebración da Asemblea de Cidades Patrimonio e as xornadas Análise da aplicación das novas tecnoloxías á arqueoloxía. A problemática da divulgación. Estas xornadas terán unha sesión técnica aberta ao público o xoves 14.

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España (GCPHE), integrado polas trece cidades españolas recoñecidas pola Unesco, celebrará en Santiago de Compostela a súa Comisión Executiva e a Asemblea de Alcaldes do 15 ao 16 de marzo. A Asemblea reunirá entre o 15 e o 16 de marzo na capital galega os alcaldes de Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo.

Segundo anunciou o alcalde, nesta Asemblea aprobarase o orzamento do Grupo para este 2013, que alcanza os 1,3 millóns de euros. Neste encontro perfilaranse tamén as principais accións promocionais para o presente exercicio, concretadas fundamentalmente nos convenios asinados recentemente con Paradores, RENFE e Turespaña.

Estas accións promocionais, no marco do Grupo de Cidades Patrimonio, son, en palabras de Ángel Currás, "claves na promoción de Compostela nos principais mercados nacionais e internacionais emisores de turistas. Estas accións inclúen a presenza nas principais feiras internacionais, actividades de comercialización, viaxes de familiarización, etc

Na Asemblea de Santiago tamén se resolverá a contratación dun xerente que se encargará da aplicación do Plan Estratéxico Plurianual nos próximos tres anos.

Os doce alcaldes invitados –Pedro Arahuetes García, de Segovia, presidente do GCPHE; Pedro Acedo Penco, de Mérida; Juan Manuel Ávila Francés, de Cuenca; José Félix Ballesteros Casanova, de Tarragona; Francisco Javier Bello Nieto, de Alcalá de Henares; Fernando Clavijo Batllé, de San Cristóbal de la Laguna; Alfonso Fernández Mañueco, de Salamanca; Emiliano García-Page, de Toledo; Miguel García Nieto, de Ávila; Elena Nevado del Campo, de Cáceres; José Antonio Nieto Ballesteros, de Córdoba, e Marienna Sánchez-Jáuregui, de Ibiza- chegarán á cidade o venres 15 para celebrar ás 18:00 horas, no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, a Comisión Executiva, seguida pola cea ofrecida polo seu anfitrión, o rexedor compostelán, Ángel Currás Fernández.

O sábado 16 terá lugar a Asemblea de Alcaldes (10:00 horas), ademais do encontro coa prensa no Salón Vermello (12:30 horas) e a foto de familia na praza do Obradoiro.

Xornadas sobre os novos retos da divulgación arqueolóxica
Paralelamente, Santiago acollerá os días 13, 14 e 15 de marzo as xornadas Análise da aplicación das novas tecnoloxías á arqueoloxía. A problemática da divulgación, que se desenvolverán na sede do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no Hospital de San Roque.

Estas xornadas técnicas, organizadas no pola Comisión de Arqueoloxía do Grupo Cidades de Patrimonio da Humanidade de España, reunirá en en Santiago a expertos da Fundación Barcelona Media, a Sociedade Española de Arqueoloxía Virtual, a Universidade de Barcelona e o Museo Arqueolóxico de Alacante.

O programa contempla unha xornada técnica aberta o xoves 14 de marzo con entrada gratuíta, previa inscrición, ata esgotar o aforo do recinto. Esta sesión contará cun relatorio a cargo de Jordi Pardo Rodríguez, da Fundación Barcelona Media, quen falará a partir das 10:00 horas sobre "Tecnoloxía, comunicación e xestión dos proxectos de política cultural. Novas posibilidades nos modelos de financiamento e comunicación". A continuación, ás 12:00 horas, intervención de Alfredo Grande León, da Sociedade Española de Arqueoloxía Virtual, baixo o título "Arqueoloxía virtual: documentación, conservación e difusión do patrimonio na era dixital".

Xa pola tarde (16:00 horas), vez para Joan Santacada Mestre, da Universidade de Barcelona, cun relatorio denominado "Arqueoloxía virtual versus reconstrución histórica". Finalmente, Rafael Azuar Ruíz, do Museo Arqueolóxico de Alacante, falará sobre "As TIC na museografía arqueolóxica". Esta sesión aberta pecharase cun debate.

Documentos relacionados



Compartir: