CULTURA

Coetus & Eliseo Parra presentan "Entre tierras" no ciclo Sons’13

12/03/2013 Na súa primeira actuación en Compostela, Coetus & Eliseo Parra presentan o seu segundo álbum Entre tierras no ciclo Sons’13. Será o mércores 13 de marzo, as 21:00 horas, no Teatro Principal.

O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou este concerto da Orquestra de Percusión Ibérica Coetus e Eliseo Parra. Acompañárono na rolda Judit Neddermann e Marc Vila, cantante e percusionista respectivamente de Coetus, e Aitana Eanes, coordinadora e responsable do 25 aniversario de A Casa das Crechas.

Coetus - Orquestra de Percusión Ibérica con Eliseo Parra é un proxecto que comezou hai catro anos. A idea xurdiu de Aleix Tobias. Este percusionista catalán viaxou a distintos lugares do mundo na procura de novas linguaxes e técnicas de tambores. Ademais, tocou con Eliseo Parra durante dez anos, e aprendeu con el as marabillas da música popular ibérica. Xuntando estas experiencias, decidiu reunir a doce percusionistas e crear unha orquestra de percusión. A presenza de tres voces singulares fai gañar en peso harmónico a sección de voces.

En efecto, na Península Ibérica hai unha serie de instrumentos de percusión, en grande parte descoñecidos, que ao longo da historia serviron para acompañar bailes, cancións, romances ou procesións. Estes instrumentos, que ate o de agora foron tocados por separado e coa función de acompañamento, únense no experimento de Coetus, que os dota dunha linguaxe propia inspirada nos ritmos tradicionais, creando un diálogo activo entre eles e a voz. No 2009 saíu o primeiro disco do grupo, acompañado dun DVD documental sobre a gravación. Forma parte deste traballo a recoñecida cantora Sílvia Pérez Cruz, coa que Coetus segue a colaborar na actualidade.

Coetus realizou xa máis de sesenta concertos en festivais de toda España, Francia, Bélxica, Italia e Brasil. O segundo álbum de Coetus, Entre tierras, elixido entre os 10 mellores traballos folc de 2012 pola revista Mondosonoro, presentouse o pasado mes de febreiro no Auditori de Barcelona, inaugurando o Festival Internacional de Percusión. A presentación en Galicia foi dentro do Festival de Pardiñas (Guitiriz – Lugo) este pasado verán, cun grande éxito de público e crítica.

O vallisoletano Eliseo Parra é un dos máis destacados cantantes de música tradicional da Península, que ademais mantén dende sempre unha frutífera relación con Galicia. Comezou a súa carreira musical nos anos 60 en grupos de rock, continuou no jazz e logo comezou a investigar a música tradicional castelá. Hoxe o seu labor máis coñecido é o de divulgador e renovador da música tradicional española.

Compartir: