EDUCACIÓN

Educación ofrece ata 60 prazas no seu programa de conciliación da Semana Santa

12/03/2013 A concelleira de Educación, María Castelao, presentou o programa municipal de conciliación para esta Semana Santa 2012. Durante os días 25, 26, 27 de marzo e 1 de abril, as familias compostelás dispoñerán dun espazo no CEIP As Fontiñas para conciliar o seu horario laboral co lecer e a educación dos seus fillos. A inscrición poderá formalizarse ata o 15 de marzo.

O programa, que dá continuidade ao realizado o ano anterior tamén en semana Santa, está dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria entre o 2º Ciclo de Educación Infantil e o 3º Ciclo de Educación Primaria. Nesta ocasión ofrécense ata 60 prazas.

O CEIP As Fontiñas estará aberto de 7:45 a 15:30 horas. Ofrecerase un servizo de madrugadores con e sen almorzo (de 7:45 a 9:00 horas) e o servizo de comedor (de 14:00 a 15:30 horas). O resto do tempo, os rapaces participarán en diversas actividades e obradoiros, a maioría vinculados ao medio ambiente e a estas datas de Semana Santa.

Os prezos de participación deste programa van dende os 52 euros da modalidade completa (madrugadores con almorzo, comedor e actividades) ata os 27 da modalidade de só actividades, sen incluír os descontos por familia numerosa ou por asistencia de dous ou máis irmáns. Os solicitantes deberán participar os catro días e non se admitirán peticións para días soltos.

O período de inscrición neste programa estará aberto ata o 15 de marzo. Os admitidos, por rigorosa orde de inscrición, deberán formalizar o pagamento entre o 19 e o 22 de marzo. Pode obterse máis información no Departamento de Educación (Tfno: 981 554 400/401 Fax: 981 571 511).

Documentos relacionados



Compartir: