DEPORTES

O partido do Seis Nacións B entre España e Portugal culminará en San Lázaro a semana de festa do rugby galego

12/03/2013 O Estadio Multiusos de San Lázaro acollerá o sábado 16 de marzo, ás 18:00 horas, o partido internacional de rugby entre España e Portugal, correspondente ao Campionato de Europa. Torneo 6 Nacións B. Con este partido culminará unha semana de festa coa que se celebrarán os 30 anos da Federación Galega de Rugby.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou este partido, que enmarcou no obxectivo do seu Departamento de traer a Santiago eventos deportivos que "posicionen a cidade a nivel galego, español e internacional". Convidou os composteláns a mercar unha das 8.000 entradas postas á venda e a presenciar este partido, o primeiro internacional oficial de rugby, un deporte que destacou pola súa "nobreza".

Este enfrontamento contra Portugal é ademais clave para as aspiracións de España de disputar o Mundial de 2015. Complicado o acceso ás dúas primeiras prazas, ocupadas por Georgia e Romanía, a Selección Española agarda derrotar a Portugal para colocarse en boa disposición de lograr en 2014 a terceira praza do torneo, que permitiría acceder á repesca da cita mundialista.

Os actos de celebración dos 30 años do rugby galego non se limitarán exclusivamente a este partido senón que, ao longo de toda a semana preparáronse diversas actividades. Así, este mesmo mércores, 13 de marzo, ás 12:30 horas, a praza do Obradoiro acollerá unha gran melé con nenos. Para o xoves 14 fixáronse charlas en centros educativos e un encontro do seleccionador nacional con adestradores Galegos. O venres, xogadores, adestradores e directivos de España e Portugal serán recibidos en Raxoi.

Xa na xornada do partido, o sábado 16, os campos de atletismo e hóckey da USC acollerán un torneo de veteranos. 250 participantes, integrados en 12 equipos, competirán dende as 10:00 ás 14:30 horas. Ao mesmo tempo, en San Lázaro II, 300 nenos españois e portugueses, de 4 a 14 anos, disputarán un torneo infantil.

Dende as 12:00 ás 23:00 horas estarán instaladas varias carpas na explanada da grada de preferencia de San Lázaro. Alí haberá merchandising, restauración e mesmo música a cargo da Orquestra Escaparate e de varios Dj’s.

As entradas terán un custo de 10 euros en tribuna, 9 en preferencia e 7 nos fondos. Os menores de 14 anos poderán entrar de balde nos fondos. O partido poderá verse en directo a través de Canal + HD Deportes 2 e Sportmanía, e na web da Federación Española de Rugby.

Acompañaron ao concelleiro de Deportes nesta rolda de prensa o subdirector xeral de Deportes da Xunta de Galicia, Carlos Gómez; o presidente da Federación Galega de Rugby, Ignacio Cociña; José Manuel Pérez, da Federación Española de Rugby; e o xogador Aníbal Bonán.

Compartir: