PARQUES E XARDÍNS

O Concello celebrará o Día Mundial da Árbore cunha plantación no Avío (Vista Alegre) a cargo dos escolares do CEIP de Vite

11/03/2013 O Concello de Santiago unirase un ano máis ás celebracións do Día Mundial da Árbore. Nesta ocasión, o 21 de marzo realizarase unha plantación de 300 árbores na zona do Avío, en Vista Alegre, da que se encargarán os escolares de primaria e infantil do CEIP de Vite.

A concelleira de Medio Ambiente, María Pardo, acompañada do responsable Parques e Xardíns, José Antonio Mosquera, e do xerente de Cespa (concesionaria do mantemento de zonas verdes), Luis Incera, presentou os actos con motivo deste Día Mundial da Árbore, que se celebrará o xoves 21 de marzo. Uns 170 nenos e nenas de infantil e primaria do CEIP de Vite plantarán 300 exemplares de árbores e arbustos na zona do Avío, en Vista Alegre.

Os rapaces que participen na plantación recibirán cadansúa camiseta, na que se reproducirá o debuxo da mascota gañadora do concurso convocado nesta edición tamén no CEIP de Vite. Os gañadores deste certame recibirán os seus premios na xornada anterior, o 20 de marzo, ás 19:00 horas, nun acto no Pazo de Raxoi.

Ademais dos 300 exemplares desta plantación, o Departamento de Parques e Xardíns facilitará árbores a aqueles colexios que o soliciten, para que todos poidan celebrar este Día Mundial da Árbore.

Compartir: