MULLER

A USC celebrou o Día Internacional das Mulleres

08/03/2013 A Universidade de Santiago celebrou no Salón Nobre do Colexio de Fonseca o Día Internacional das Mulleres. Foi un acto conmemorativo solemne presidido polo reitor, Juan Casares Long, e ao que asistiu a concelleira de Muller, María Castelao.

No acto entregóuselle unha placa con mención honorífica ao Servizo de Vixilancia da Saúde da USC, pola súa traxectoria en prol da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. A encargada de recoller esta distinción foi a directora do servizo, Mª del Carmen Pardiñas Añón.

Seguidamente tivo lugar unha mesa redonda sobre estereotipos de xénero e saúde na que actuou como moderadora Eva Aguayo Lorenzo e na que interviron a catedrática e directora do Centro de Estudos Avanzados da USC, Mª Xosé Rodríguez Galdo; a neuróloga do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Susana Arias Rivas; a psiquiatra da Unidade de Trastornos Depresivos da USC Ángela Torres Iglesias; e o psicólogo da mesma unidade Fernando Lino Vázquez.

Manifesto
A Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU), formada por 39 universidades públicas españolas, no marco da celebración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, presentou un manifesto conxunto cunha idea de partida: "no contexto da crise económica, as políticas de igualdade continúan sendo esenciais na axenda das universidades e do resto de institucións públicas".

Compartir: