MULLER

Os alumnos do IES Xelmírez II plasman a súa visión sobre a igualdade de xénero nunha exposición fotográfica

08/03/2013 O IES Xelmírez II acolle unha exposición fotográfica con motivo do Día Internacional da Muller. A concelleira de Muller, María Castelao, asistiu ao acto de presentación da mostra.

A exposición foi realizada polos alumnos de 1º da ESO con motivo do Día Internacional da Muller durante uns obradoiros que se viñeron levando a cabo no Centro a última semana. Nela, os rapaces e rapazas plasmaron a través dunha fotografía a súa visión sobre a igualdade de xénero a través do retrato daquela muller que consideraron que pola súa loita diaria mereceu unha homenaxe neste día, por entender que se visualizan nela os valores da muller traballadora e loitadora, acompañando a súa fotografía cunha breve descrición da mesma, explicando o porqué desa instantánea e a súa relación co tema sobre que versa a conmemoración deste día.

Mediante esta iniciativa, levada a cabo polo Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte e o IES Xelmirez II, pretendeseu sensibilizar ao alumnado e a toda a comunidade educativa sobre a importancia de traballar por unha sociedade máis igualitaria, sobre os valores da igualdade efectiva entre mulleres e homes e de respecto a través da figura da muller traballadora, así como concienciar sobre a importancia da conciliación laboral e familiar, da incorporación da muller ao mundo do traballo e do seu papel imprescindible para construír a nosa democracia en torno a uns valores igualitarios.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: