URBANISMO

A fonte de San Roque volve verter auga despois de varios anos inutilizada

08/03/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, acompañado pola concelleira de Urbanismo, María Pardo, visitou a praza de San Roque con motivo das obras de remodelación que se levaron a cabo nos últimos meses. A actuación permitiu recuperar este espazo, que presentaba un importante grao de degración, e restaurar a fonte.

Ángel Currás destacou a "actuación integral" realizada na praza e a recuperación da fonte, mellorando a estética do conxunto. "Logramos un espazo novo para a cidade, pouco utilizado con anterioridade", dixo, lembrando a importancia histórica desta zona de San Roque, tanto polo paso da antiga muralla como pola presenza do vello hospital. O investimento nesta intervención foi duns 25.000 euros.

Os traballos de recuperación de San Roque comenzaron en 2012. As primeiras actuacións foron a retirada dun panel publicitario e da cabina telefónica –en mal estado-, o arranxo da farola situada xunto ao quiosco e o repintado do buzón de correos. Mellorouse o axardinamento da praza e retiráronse os contedores de lixo da beirarrúa que afeaban o entorno.

Neste 2013 continuáronse os traballos de recuperación coa reparación do pavimento, a limpeza dos bancos e a retirada de carteis. Finalmente, rematouse a reparación da fonte, que levaba varios anos sen auga e con graves danos na pedra.

Para limpar todas as pezas da fonte foi preciso desmontala completamente. Ademais, illouse o vaso da fonte para que non tivera filtracións, colocáronse canos novos, repuxéronse elementos de ferro do vaso e renováronse as conducións.

Unha actuación máis a destacar foi o traslado dos contedores e a colocación de cubrecontedores, que contrarrestan o impacto visual negativo destes elementos. Esta solución podería estenderse a outros puntos do Casco Histórico.

Compartir: