CULTURA

Festival Internacional de Narración Oral Atlántica no ciclo Falabaratos

07/03/2013 O Día da Muller Traballadora tamén ten o seu espazo en Atlántica, o festival internacional de narración oral que se celebra en Galicia estes días. Este venres 8, a partir das 21:00 horas, o Teatro Principal de Santiago acollerá unha gala especial dedicada á muller na que participarán 17 contacontos de diversas nacionalidades.

Nais, fillas ou avoas, traballadoras, loitadoras, humildes, honradas, sufridoras... A muller será a protagonista dunha velada na que se mesturarán o riso, a carraxe e a emoción. Os contacontos Felipe Díaz-Caxoto, Fátima Fernández, Charo Pita, María da Pontragha, Pedro Brandariz, Quico Cadaval, Paula Carballeira, Raquel Queizás, Celso Fernández, Avelino González ou Cándido Pazó serán os encargados de poñerlle nome e historia galega ás mulleres.

Pero a loita das mulleres non coñece fronteiras. Por iso, Soledad Felloza, contacontos de Uruguai, tamén suma a súa voz para por nome e faciana aos millóns de mulleres doutras beiras do Atlántico.

As entradas a un prezo de 8 euros para o público en xeral e de 6 euros para os abonados do Festival Atlántica, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado e días do evento de 18:00 a 21:00 horas) e no Pub Atlántico.

Oferta cultural inédita
Esta gala enmárcase dentro do Festival Atlántica, que reúne en Galicia a contacontos, actores e dramaturgos de diversas partes do mundo nunha oferta de cultura inédita en España. E é que dende o 5 ata o 16 de marzo, Galicia é o centro da narración oral de España con programación para todos os públicos. Máis de vinte profesionais participan neste congreso, a maior parte deles, contacontos. Pero tamén hai arqueólogos, escritores, bibliotecarios, filólogos ou divulgadores.

Nesta iniciativa colabora o Concello de Santiago, Auditorio de Galicia, Teatro Principal, Centro Cultural de Conxo, Centro Cultural de Fontiñas, Centro Cultural de Vite e a Rede de Bibliotecas de Oleiros, así como varios pubs da capital galega.

Compartir: