XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno dá o visto bo ao Plan Parcial do Muíño de Vidán

07/03/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, deu o visto bo á aprobación inicial do Plan Parcial do SUD-11 do Muíño de Vidán. Ademais, aprobáronse os actos con motivo do Día do Árbore e deuse conta da recepción das hortas de Fontiñas.

Este ámbito do Muíño de Vidán está condicionado polo contorno do río Sarela e polas súas especiais condicións topográficas, o que limita a densidade a 28 vivendas por hectárea como máximo. O seu uso será residencial cunha baixa ocupación. Destinarase a vivenda unifamiliar o 40% da edificabilidade residencial, e a usos comerciais e complementarios en planta baixa ata o 15% da edificabilidade. Outorgarase un uso comercial e de servizos en edificio exclusivo ata o 20% da edificabilidade.

A urbanización do sector incluirá a mellora do actual acceso dende a avenida de Mestra Victoria Míguez a través da rúa da Codeseira de Vidán.

Parques e Xardíns
O Goberno municipal aprobou igualmente os actos con motivo do Día da Árbore. Nesta ocasión serán os rapaces e rapazas do CEIP de Vite os que realizarán os debuxos para o concurso convocado, no que haberá cinco premios, consistentes en bicicletas e patíns. Tamén se fará unha plantación de árbores.

Ademais, na sesión deuse conta da recepción das 39 hortas de Fontiñas polos titulares (quedaron 125 solicitudes en lista de agarda) e dun cambio de titular nunha horta de Belvís.

Educación
A voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, indicou tamén que, malia que ía na orde do día, será nunha sesión extraordinaria convocada para o venres cando se aprobe o programa de conciliación de Semana Santa. Esta iniciativa está dirixida a nenos e nenas que cursen estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela.
As datas serán os días 25, 26 e 27 de marzo e 1 de abril.

O horario do campamento será de 9:00 a 14:00 horas e, ademais, ofrecerase a posibilidade de varios servizos cos seguintes horarios: de 7:45 a 9:00 horas, servizo de madrugadores con almorzo e, de 14:00 a 15:30 horas, servizo de comedor.

A previsión é que haxa sobre 60 prazas dispoñibles. As actividades realizaranse no CEIP Fontiñas (rúa Roma, 21).

Compartir: