CULTURA

O VI Ciclo 1906 Jazz trae de novo a Compostela unha representación do mellor das diferentes correntes do jazz actual

06/03/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou o VI Ciclo de Jazz 1906 acompañado de Juan Paz, brand manager de 1906, e Carlos López, director artístico e coordinador musical do ciclo. Ron Carter Trío abre o domingo 17 de marzo este ciclo, composto por sete concertos.

Nesta nova edición, o ciclo volverá achegar a música libre dos grandes músicos deste xénero aos templos do jazz máis representativos de España con 50 concertos. Durante catro meses, as mellores bandas nacionais e internacionais tocarán nas principais cidades galegas e en locais de Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia ou Murcia.

O Ciclo de Jazz 1906 ofrece sete imprescindibles concertos en Santiago de Compostela con bandas e solistas destacados como Ron Carter (gravou con Miles Davis), Nani García ou Joshua Redman Quartet.

O programa de concertos arranca o domingo 17 de marzo, ás 20:00 horas, coa actuación do contrabaixista Ron Carter no Teatro Principal, acompañado por Rusell Malone ou "Mr Malone, o gurú do contrabaixo", segundo Juan Claudio Cifuentes (xornalista e crítico musical en RNE). Sen esquecer a presenza de Antonio Sánchez, "un percusionista sensacional", para o mesmo xornalista. Para Pere Pons (director da revista JAC), "Joshua Redman é a versión actual do jazz, formado en conservatorio" e para Chema Martínez (periodista de jazz en El País), o noso músico patrio "Jorge Pardo, un colega de barrio que despois de recibir o Premio ao Mellor Músico de Europa por parte da Academia Francesa, o mesmo toca nun gran teatro como no local de toda a vida..." "El sen dúbida, protagonizará un concerto formidable", sentenciou. Ambos pasarán tamén por Santiago.

Dende ese momento e ata o 19 de xuño, Compostela contará con concertos de jazz no Teatro Principal, no club Dado Dada e no espazo público. Precisamente, a última actuación será na praza da Quintana, na que o ciclo baixará o pano coa xa tradicional celebración do Día da Música da cervexa 1906, contando coas actuacións simultáneas en Santiago e Madrid de Marcos Pin, co seu proxecto Factor E-Reset, e Jorge Pardo, con Pegadas, respectivamente.

As entradas para as actuacións do Teatro Principal teñen un prezo de 12 euros (anticipada) e 15 euros (billeteira). Pode mercarse un abono para tres concertos por 30 euros. As entradas para os concertos do Dado Dadá teñen un prezo de 10 euros, mentres que a actuación da Quintana será de balde. As entradas poden mercarse a través de entradas.novagaliciabanco.es, do teléfono 902 434 443 e na propia billeteira do Teatro Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: