CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os centros socioculturais renovan a súa imaxe na busca dunha maior eficacia comunicativa e do achegamento aos usuarios

04/03/2013 A Concellería de Centros Socioculturais aposta pola implantación dunha nova identidade visual gráfica, co fin de facilitar a comunicación tanto interna como externa e mellorar o seu posicionamento comunicativo. Co lema "O centro es ti", o Departamento presenta novos logotipos, topografías e pautas cromáticas.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, presentou esta mañá esta nova imaxe, que será utilizada dende agora para a comunicación de servizos e actividades, e dos propios equipamentos da Rede de Centros Socioculturais. A Concellería quere con esta nova imaxe resaltar valores como a proximidade, a amabilidade e os servizos dirixidos ás persoas. Trátase tamén de por en valor a dobre dimensión dos centros como integrantes dunha grande rede sociocultural, conformada na actualidade por 47 equipamentos e, por outro lado, como espazos singulares, diferenciados e contextualizados nos barrios e parroquias.

A Concellería busca unha identidade visual dinámica, fresca, amable e colorista que reflicta tamén os contidos dos servizos de ocio e cultura dirixidos ás persoas e aos grupos que se desenvolven nos centros socioculturais. Coa variedade de cor do símbolo e do anagrama perséguese tamén transmitir integración, variedade, multidisciplinariedade e multiculturalismo, propios tamén dos contidos e da metodoloxía do traballo que no ámbito da educación no tempo libre se leva a cabo nos centros.

A aplicación deste nova imaxe permitirá dispor dun anagrama base para o conxunto de centros socioculturais e os servizos centrais, identificando como marca os servizos socioculturais dun modo creativo e transmitindo tamén a idea do espazo sociocultural estendido por todo o Concello. Pero tamén haberá un logotipo que se poderá aplicar a todos e cada un dos centros socioculturais, e imaxes para os distintos servizos que se prestan nos centros: biblioteca, espazo informático, espazo de maiores, aulas de xogo, espazos asociativos, etc.

Había xa unha década que non se actualizaba esta imaxe. Paulatinamente irá incorporándose tanto aos soportes físicos (carteis, centros) como ás ferramentas e redes sociais do Departamento. A nova imaxe irase implantando progresivamente nos diferentes centros socioculturais, comezando polo novo de Santa Marta e seguindo polos centros cabeceira.

Documentos relacionados



Compartir: