ALCALDÍA

O Goberno local marca as liñas de actuación para os vindeiros meses

01/03/2013 O Goberno municipal mantivo unha reunión de traballo na Casa Grande do Bachao (Santa Cristina de Fecha), para programar as liñas básicas de actuación dos vindeiros meses, de acordo á nova reordenación en áreas recentemente aprobada. O alcalde, Ángel Currás, presidiu esta xuntanza, na que se analizaron os principais proxectos en marcha.

Segundo indicou o alcalde, esta reunión tiña como obxectivo "coordinar o traballo dos concelleiros, establecer as liñas básicas de traballo para os próximos meses e analizar o desenvolvemento de proxectos que están en marcha e que, nalgún caso, cambian agora de responsable de acordo coa nova estrutura do Goberno municipal". Entre os asuntos a abordar, citou a depuradora da Silvouta, a intermodal, o programa Urbana Santiago Norte ou as ARI de Vista Alegre, Pontepedriña e Casco Histórico. Tamén se referiu aos investimentos comprometidos coa Deputación da Coruña, a cal vén de comunicar a concesión de investimentos por 800.000 euros para o exercicio 2013.

Finalmente, Ángel Currás aludiu aos temas relativos a áreas que considerou "especialmente importantes", como a de Desenvolvemento Urbano Sostible, Facenda e Administración, Participación Cidadá e Turismo, Emprego, Comercio e Mercados, que na nova estrutura asumen novas competencias.

Documentos relacionados



Compartir: