CONSORCIO

Música e espiritualidade na Semana Santa

01/03/2013 Durante a Semana Santa, diferentes igrexas de Santiago de Compostela acollerán a sétima edición do Festival de Músicas Contemplativas, unha iniciativa cultural que une os conceptos de cultura e patrimonio a través da música. Unha serie de concertos, representativos de diversas sensibilidades culturais e espirituais, que xiran en torno á idea de trazar camiños e abrir diálogos entre pobos e culturas. O programa foi presentado en rolda de prensa pola xerente do Consorcio, María Antón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou.

En total serán 18 concertos que terán como escenario igrexas emblemáticas do casco antigo e o Auditorio de Galicia, entre o 21 e o 31 de marzo, sumándose aos actos organizados con motivo da Semana Santa. A cidade de Santiago de Compostela, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, convértese así, por uns días, en escenario para as músicas do mundo, polo que pasaraán grupos e solistas procedentes de países como República Checa, Serbia, Turquía ou Italia. Ademais, participará a Real Filharmonía de Galicia e un bo número de grupos musicais galegos.

A inauguración do Festival terá lugar o xoves 21 de marzo, no Auditorio de Galicia, coa actuación dun dos máis recoñecidos coros, The Sixteen, co seu director Harry Christophers, acompañado da Real Filharmonía de Galicia. A partir dese día, os concertos iranse sucedendo en varias igrexas da cidade, non só do centro histórico, senón tamén outras da contorna, como a Colexiata de Sar e a igrexa de Santa María de Conxo.

O Festival de Músicas Contemplativas quere ser un diálogo musical aberto que transmite un forte compromiso intelectual no marco dun mundo cada día máis globalizado. A iso únese a riqueza do patrimonio histórico de Santiago, polo que ao pracer de escoitar únese o pracer de contemplar. A política de recuperación do patrimonio arquitectónico levada a cabo en Santiago ten nesta nova edición do Festival un dos seus obxectivos prioritarios: dotar dunha nova dimensión a impresionante herdanza histórica e monumental dos edificios restaurados, converténdoos durante uns días en escenarios de primeiro nivel.

De forma paralela, o Festival organiza tamén unha actividade de vertente social, coa inclusión de concertos nos hospitais Clínico e de Conxo e nas residencias para a terceira idade de Volta do Castro e Porta do Camiño, a cargo dos alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais.

Ademais, e como complemento á actividade cultural, organizouse a ruta dos Espazos para a reflexión, de maneira que un grupo de igrexas permanecerán abertas durantes os días do Festival, de maneira que veciños e visitantes poidan trazar a súa propia ruta, descubrindo o rico patrimonio que atesouran estes templos e as confrarías que nelas telen as súas sedes.

Direcciones relacionadas



Compartir: