SEGURIDADE CIDADÁ

Simulacro de emerxencias na Catedral

01/03/2013 A Policía Local, o Servizo de Extinción de Incendios e Protección Civil realizaron un simulacro de emerxencia na Catedral compostelá. Nesta simulación, na que se probaron con éxito os protocolos de coordinación previstos para estes casos, participaron tamén efectivos de Cruz Vermella, 061, persoal de seguridade da Catedral e máis de 280 figurantes.

Os corpos de seguridade, coordinados polo 112, fixeron fronte a varias situacións de emerxencia. Así, reproduciuse unha explosión no cadro eléctrico da zona da Tribuna, causante dun incendio, a raíz do cal unha persoa resultou ferida por queimaduras.

Unhas 250 persoas visitaban o templo nese momento, polo que os efectivos de seguridade tiveron que desaloxalo, producíndose unha avalancha. Esta produciu catro feridos por fracturas. Tamén se recreou un incendio no Arquivo, cunha persoa intoxicada.

O director de Seguridade da Catedral, Ricardo Sanz, amosouse satisfeito polo resultado do simulacro. En especial, destacou os seis minutos e medio nos que se desaloxou o templo e o tempo de reposta dos Bombeiros, menos de sete minutos.

Compartir: