CULTURA

The New Raemon e Ruben Pozo, dúas novas propostas do Intimo & Acústico na Zona C

27/02/2013 Tinieblas, por fin, de The new Raemon, é o resultado de varias tensións superpostas e é sobre todo Ramón mirándose ao espello e mirando ao exterior, un traballo do que poderemos disfrutar o xoves día 28, ás 21:00 horas, na zona C, dentro do ciclo Íntimo & Acústico. E xa o mércores 6 de marzo, tamén ás 21:00 horas, Rubén Pozo presenta Menos es más.

Ramón obrigábase a utilizar novas estruturas ao compor, a arranxar a música doutras formas, e a sacar as letras da tripa, improvisando libremente (táctica, máis que técnica, que empezou en Libre asociación, o seu anterior disco). Ao principio do proceso, unha compañía discográfica multinacional sondouno seriamente. Ramón xa pensara abandonar amistosamente Bcore para probar algo novo. A experiencia co selo grande fixo bo o dito de "namóranse do Che Guevara e despois pídenlle que se afeite". A "experiencia multinacional" quedou rapidamente en nada, pero as cancións seguiron brotando (lentamente) e nelas afloraban constantemente o noxo, a ira ou a incredulidade ante as condicións daquela proposta inverosímil, exemplo de deriva na que parecía terse atorado o país, o mundo enteiro.

"As cancións tratan sobre a constatación de que xa só existen dous bandos: o dos poderosos e o de todos os demais", explica Ramón. "Non podes ver a tele durante dez minutos sen sentirte estafado. Sentín que non era correcto cantar sobre outra cousa neste momento", confesa o barcelonés. "Pero queríao facer con letras sutís, non politizando. En todo caso, trátase dun disco luminoso, creo que o que ten máis matices de todos os que fixen".

Tinieblas, por fin editouse en setembro de 2012 coa etiqueta Marxophone, colectivo de autoedición discográfica onde tamén publicaron os seus traballos Nacho Vegas ou Fernando Alfaro, entre outros.

Inquieto como poucos, Ramón Rodríguez, o home detrás de The New Raemon, leva 20 anos cociñando cancións, primeiro con Madee, despois con Ghouls’n’Ghosts e, dende 2007, en solitario. En solitario, pero non só, porque, á parte do seis traballos que asinou como The New Raemon, editados todos eles por Bcore, participou en proxectos colectivos como o recompilatorio Supernanas e gravou un disco a seis mans con Francisco Nixon e Ricardo Vicente. Tamén se atreveu a producir a María Rodés, a Maga e a Manos de Topo, escribiu un cómic e xa prepara outro e, como aínda lle quedaba algún intre libre, montou coas súas fillas a banda Germana.

As entradas, a 9 € (anticipada) e 12 € (billeteira), poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), A Reixa Tenda e workonsunday.ticketea.com.

Rubén Pozo
Rubén Pozo presentará Menos es más o mércores 6 de marzo, ás 21:00 horas, tamén na Zona C. O artista presenta así este concerto: "¡Ola, amigos! Estes próximos meses vou realizar unha xira por algunhas cidades españolas eu só coa guitarra. Vouna a bautizar Menos es más, por facerlle unha chiscadela ao título do disco, Lo que más.

Compartir: