CULTURA

"O home almofada", unha obra trepidante e malvadamente cómica no Teatro Principal

26/02/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou presentou, acompañado das actrices Melania Cruz e Laura Míguez, as representacións de O home almofada por Il Maquinario Teatro, un espectáculo teatral de gran intensidade, con dramaturxia e dirección de Tito Asorey. As representacións terán lugar no Teatro Principal os días 27 e 28 de febreiro, dentro do Ciclo Teatro & Danza, ás 21:00 horas. Haberá tamén unha función didáctica o 28 de febreiro, ás 11:00 horas.

A obra afonda no influxo que a violencia xoga no desenvolvemento do individuo dende unha perspectiva tenra e sarcástica. Indaga tamén na necesidade humana de imaxinar ficcións, de contar historias como medio para a redención ou a pura supervivencia en circunstancias límite, como vía para combater a fugacidade e a brutalidade da vida. Como un xeito de perdurar deixando unha forte pegada do noso paso polo mundo. O difícil é saber que prezo estamos dispostos a pagar por ese afán de inmortalidade.

O home almofada transportará ao espectador da gargallada ao medo en décimas de segundo, nunha sorte de montaña rusa emocional que incitará á reflexión. Unha peza de alto contido social repleta de intriga e humor negro na que a fronteira entre a verdade e a mentira, entre realidade e ficción, acaban por se diluír como nun grotesco pesadelo.

Sinopse
Nun país totalitario sen nome, Katurian, unha escritora de macabros contos infantís, está sendo interrogada por unha parella de policías. Descoñece as razóns que a levaron a ser arrestada esa mesma mañá, na súa propia casa. Escribiu algo quizais que poida ser tomado como "subversivo"? Cal é a razón da súa detención?... Con todo, ela loita por defender a súa inocencia. Todo cambia cando descobre que na cela contigua está presa a súa irmá, que padece un forte trastorno psicolóxico a causa dos malos tratos que sufriu sendo nena, e que vai ser tamén interrogada. O resultado do encontro entre as dúas irmás disipará as dúbidas e abrirá outras incógnitas, aínda máis intensas e preocupantes...

O autor
Martin McDonagh (1970) é un dramaturgo angloirlandés pertencente á xeración de autores coñecida polo apelativo de "In-yer-Face" que convulsionaron a escena teatral británica nos últimos quince anos. O home almofada está considerada a súa peza máis exitosa. Estreouse no ano 2003 no Royal National Theater sendo galardoada no ano 2004 cos premios Laurence Olivier, o premio Tony e o Premio da Crítica de Nova York á mellor peza estranxeira. Tras este éxito converteuse no autor anglosaxón máis representado en América do Norte despois de Shakespeare. As súas pezas estreáronse en 39 países e en 29 idiomas.

Il Maquinario Teatro
Il Maquinario Teatro é unha compañía conformada por titulados superiores pola ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia) que asume o risco de crear un proxecto que os permita desenvolver unha linguaxe escénica propia, construída por artistas novos pero con experiencia en diversas compañías (Ur Teatro, Sarabela Teatro, Teatro de Adro, Teatro do Noroeste, Viravolta, Escénate ou La Imagina Machina). O home almofada é a primeira produción dunha compañía con vocación de continuidade, que privilexia o traballo do actor como explorador da natureza humana, afondando en temáticas que susciten debate e controversia. Un teatro intenso, sustentado no traballo colectivo e que persegue un novo tipo de relación co público. Un teatro do presente, un teatro de máscaras que amosa un lugar de agochar, un teatro á busca dun público de seu.

Compartir: