REHABILITACIÓN

Santiago acolle unhas xornadas sobre a aplicación das novas tecnoloxías á divulgación da arqueoloxía

26/02/2013 A sede do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) no Hospital de San Roque acollerá os días 13, 14 e 15 de marzo as xornadas Análise da aplicación das novas tecnoloxías á arqueoloxía. A problemática da divulgación. A asistencia é gratuíta previa inscrición.

A concelleira de Urbanismo, Vivenda, Rehabilitación e Cidade Histórica, María Pardo, presentou estas xornadas técnicas, organizadas no marco do programa de actuacións que a Comisión de Arqueoloxía do Grupo Cidades de Patrimonio da Humanidade de España vén desenvolvendo dende 2009. Así, as sesións a celebrar en Compostela son continuación das realizadas en Cáceres en 2011, dedicadas á análise da difusión e divulgación do patrimonio arqueolóxico a través de diferentes medios de comunicación.

María Pardo incidiu na necesidade e na importancia de divulgar o noso patrimonio arqueolóxico, aspecto no que xogan un papel moi importante as novas tecnoloxías. "As novas ferramentas, recursos e soportes informáticos facilitaron progresos no coñecemento arqueolóxico antes impensables pero, ademais, están cambiando por completo o panorama da divulgación arqueolóxica", dixo. Neste sentido, referiuse a ferramentas como a tecnoloxía láser, as reproducións e recreacións virtuais ou a animación en 3D, que "crean espectáculos impactantes (aínda que non sempre rigorosos), que permiten introducir ao público en historias, lugares e tempos diferentes", contribuíndo a "unha mellor comprensión da historia".

Para falar de novas tecnoloxías e divulgación arqueolóxica convidouse a catro especialistas de recoñecida experiencia, procedentes de diferentes ámbitos. Estarán en Santiago Jordi Pardo Rodríguez, da Fundación Barcelona Media; Alfredo Grande León, da Sociedade Española de Arqueoloxía Virtual; Joan Santacana Mestre, da Universidade de Barcelona; e Rafael Azuar Ruiz, do Museo Arqueolóxico de Alacante.

A xornada técnica aberta desenvolverase o xoves 14 de marzo no salón de actos da sede do CSIC no Hospital de San Roque. A entrada é gratuíta, previa inscrición, ata esgotar o aforo do recinto. O programa e os datos necesarios para a inscrición poderán consultarse nesta web.

Documentos relacionados



Compartir: