FACENDA

Últimos días para que os cidadáns se acollan ao pago fraccionado do IBI

25/02/2013 A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, informou sobre a solicitude do pago fraccionado do IBI e animou aos cidadáns a aproveitar os últimos días para elixir esta alternativa, que permitirá sufragar o imposto en tres prazos. O último día para solicitar este pago fraccionado é o xoves 28 de febreiro.

Máis de 600 contribuíntes xa solicitaron este pago fraccionado, un dato que a concelleira cualificou como positivo na posta en marcha desta modalidade. Cecilia Sierra destacou as vantaxes que este sistema supón para os cidadáns, que poderán abonar o IBI en tres pagos de igual contía os días 5 dos meses de maio, agosto e setembro. O resto de contribuíntes, que paguen dunha soa vez, deberán pagar os seus recibos entre os días 5 de abril e 5 de xuño.

Este novo sistema tamén implica vantaxes para a Administración, xa que, segundo indicou a edil, "non se terá que facer a habitual operación de tesourería en verán", co conseguinte aforro en intereses. Lembrou tamén que, en breve, este novo sistema de pago fraccionado sumarase aos trámites dispoñibles on-line a través da Carpeta Cidadá.

Procedemento
Calquera titular dun recibo do imposto sobre bens inmobles pode facer uso desta posibilidade, pero ten que solicitalo para todos os seus recibos deste imposto. A solicitude efectuarase antes do día 28 de febreiro.

A solicitude non ten ningunha particularidade e pode presentarse como calquera outra solicitude ao Concello. Non obstante, o Concello pon a disposición dos interesados o impreso "Adhesión ao sistema especial de pago T09" e habilitou dous postos na Oficina de Atención ao Contribuínte en xaneiro e febreiro para tramitar con celeridade as solicitudes que se fagan. Esta Oficina está na rúa do Presidente Salvador Allende, 4 - baixo (zona de Galeras). O seu teléfono é o 981542 384.

Os requisitos ou condicións para acollerse a este sistema de pago fraccionado son os seguintes:

1.- Solicitalo formalmente ao Concello.
2.- Sinalar na solicitude o código da conta bancaria do cliente (20 díxitos do número de conta) no que se domicilia o pago.
3.- Solicitalo para todos os recibos do imposto sobre bens inmobles (Non se permite acollerse a este sistema especial de pago para un ou varios recibos e deixar outro ou outros recibos para o sistema normal de pago).
4.- Non ter ningunha débeda pendente de pago en vía executiva no momento no que se aproba o padrón do imposto sobre bens inmobles (1 de marzo).

Orzamentos
A preguntas dos xornalistas, a concelleira anunciou que a previsión municipal respecto dos Orzamentos 2013 é que poidan estar aprobados definitivamente a mediados de abril. Indicou que unicamente falta o informe de Intervención para que poidan ser levados a Comisión e ao Pleno para a súa aprobación inicial.

Compartir: