CULTURA

"Aneis", "Dessassosego" e "O asombro", tres Escenas Poéticas para a Zona C

25/02/2013 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou as representacións de Escenas Poéticas, tres pezas que abranguen o teatro de obxectos, danza e cabaré especialmente pensadas para a Zona C. Estivo acompañado de representantes das tres compañías que protagonizan as tres propostas: Branca Novoneyra ("Aneis"), Iria Pinheiro de DandyLady ("Dessassosego") e Inacio Vilariño de Fantoches Baj ("O asombro").

As tres pezas constrúen unha proposta escénica, poética, participativa e diversa enmarcada dentro do ciclo Teatro & Danza que poderemos ver de venres a domingo nas primeiras tres fins de semana de marzo. O prezo das entradas, xa á venda na billeteira do Principal e os días de evento na da Zona C, é de 8 euros, podendo adquirirse un abono para asistir ás tres funcións de 16 euros.

Hoxe a poesía atopase híbrida na música, na escena e nas artes visuais. Durante tres semanas a poesía de acción conectará a Zona C coa memoria, os obxectos, o humor, a palabra e o movemento entrenzando múltiples referencias culturais compartidas. Esta proposta colaborativa de compañías ten coma obxectivo achegar á poesía fora dos espazos exclusivamente literarios e conectar a escena galega coa poesía de acción, o spoken word e a perfopoesía; tendencias híbridas que gozan dunha gran vitalidade no panorama creativo europeo.

Este programa de poesía escénica está composto polas creacións das compañías Fantoches Baj, Branca Novoneyra e DandyLady, atende especificamente ao traballo cos públicos e agarda visitar proximamente diversos espazos alternativos galegos e foráneos.

Taller de público co IES Rosalía de Castro
En colaboración coo Departamento de Literatura do IES Rosalía de Castro, poñen en marcha un Taller de Públicos mediante o cal un grupo de 15 alumnos fará un traballo en profundidade das creacións. Estes alumnos asistirán ás funcións dos domingos e a posteriori traballarán en encontros de 30-45 minutos ao cargo de cada compañía. Nos encontros propoñerase unha actividade que ten como obxectivo mapear os espectáculos: crear uns sinxelos mapas visuais con post-its nos que os alumnos acheguen os nomes dos obxectos, palabras e cores que viron en cada peza. O obxectivo é espertar a súa "mirada escénica" e compartila nun espazo común. Ademais, previamente, traballarán con materiais textuais e visuais dos espectáculos.

Compartir: