CULTURA

Joaquín Reyes presenta "Soy especial" dentro do ciclo Falabaratos

22/02/2013 Joaquín Reyes chega a Santiago para presentar o seu monólogo máis irreverente e underground, Soy especial, dentro do ciclo Falabaratos. Un espectáculo divertido e atrevido onde a risa está garantida do primeiro ao último minuto. Será no Teatro Principal en dúas funcións, ás 20:00 e ás 22:30 horas. A seguinte cita de Falabaratos será con Miguel Lago o xoves 7 de marzo, a partir das 20:00 horas, no Teatro Principal, onde presenta Soy un miserable.

Sen dúbida, falar deste peculiar humorista é sinónimo de humor, absurdo, de culto ou como se queira catalogar. Herdeiro de Gila ou Faemino e Cansado, ten gran número de fans e seguidores no territorio nacional, achegándose á xente máis nova con programas como La hora chanante, Museo Coconut e Muchachada Nuit, onde realiza parodias e caracterízase de diversos personaxes nun apartado chamado "Celebritis".

Joaquín Reyes narra vivencias e anécdotas transportándonos a través do humor a unha viaxe en clave de comedia absurda e chichinavesca. Un monólogo onde fala de temas como a familia, as vacacións, as parellas, os ovnis ou os supositorios. Pero tamén vai cantar e bailar. Mesmo se vai suficientemente ebrio espirase, aínda que isto tampouco é seguro.

As entradas, a 18 euros (12 € no anfiteatro) poden mercarse en Novagaliciabanco (no 902 434 443 e en entradas.novagaliciabanco.es) ou na billeteira do Teatro Principal, aberta dende as 18:00 horas.

Compartir: