CULTURA

Ana Moura presenta o seu novo disco, "Desfado", dentro do ciclo Sons’13

21/02/2013 A fadista Ana Moura chega a Compostela para presentarnos o seu último traballo, Desfado, dentro do ciclo Sons’13. Será o venres 22 de febreiro, no Auditorio de Galicia, ás 21:00 horas. Despois de Ana Moura teremos no ciclo a Amancio Prada presentando ‘3 Libertarios’ o sábado 2 de marzo no Teatro Principal.

Desfado, quinto álbum de Ana Moura, toma o seu nome dun dos dous temas compostos para a artista por Pedro da Silva Martins, da banda Deolinda. Desfado é un punto de inflexión na carreira de Ana Moura, denotando a súa influencia pop e dirixido a un mercado internacional e a unha nova audiencia portuguesa.

Xunto aos habituais do fado, –Ana Moura inclúe tamén unha canción de Virgem Suta, Miguel Araújo, Luísa Sobral, Pedro Abrunhosa e Manuel Cruz–, o principal propósito era cantar cancións compostas especialmente para ela por persoas da súa propia xeración, pero que eran alleos ao fado. O primeiro single, "Até ao verão", foi escrito por Márcia. Aquí, Ana Moura parécese extraordinariamente a Lhasa de Sela.

En canto aos músicos, Ana Moura mantén a referencia ao fado –guitarra portuguesa de Ângelo Freire e viola de fado interpretada por Pedro Soares–, incorporando tamén a colaboración do contrabaixista David Piltch (Bob Dylan, K.D.lang), o guitarrista Dean Parks (Marvin Gaye, Stevie Wonder), o percusionista Jay Bellerose (Aimee Man, Ani DiFranco), o teclista Patrick Warren (Fiona Apple, Bruce Springsteen), o violinista Freddy Koella (Lhasa, Carla Bruni) e o saxofonista quintaesencial Tim Ries, o home que a presentou aos Rolling Stones e levouna a cantar no Expectations e Brown Sugar.

Ana Moura prepara unha revolución na súa música, convocando ao seu lado a unha estrela convidada especial internacional: o lendario músico de jazz Herbie Hancock, que foi incorporado ao proxecto por Larry Klein, produtor de Desfado.

Non hai outra voz no fado como a de Ana Moura (Ribatejo, Santarém, 1979). Unha voz que se pasea libremente pola tradición, pero que flirtea elegantemente coa música pop, ampliando o espectro do fado, tan típico de Lisboa, dunha maneira moi persoal. Pero o que a sitúa á parte é non só o timbre grave e sensual, tan único: Ana Moura transforma instantaneamente calquera melodía á que presta a súa voz e convértea en fado. É unha faísca inmediata, unha explosión emocional dirixida implacablemente ao corazón do oínte.

As entradas, 18 € anticipada e 22 € o mesmo día, poden mercarse xa na billeteira do Teatro Principal (aberta de 18:00 a 21:00 horas) e en Novagaliciabanco (tanto en entradas.novagaliciabanco.es coma no 902 434 443 e o propio día do concerto na billeteira do Auditorio de Galicia dende as 18:00 horas ata a hora do concerto.

Compartir: