FESTAS

A multitudinaria participación cidadá foi a gran protagonista das Festas da Ascensión

29/05/2006 As Festas da Ascensión remataron deixando a todos os que participaron nelas e aos organizadores un balance moi positivo. A pesar de ser unha festa pensada para os composteláns foron moitos os cidadáns doutras cidades que se acercaron ata Santiago durante estes días para participar desta festividade. Un programa pensado para todas as idades que conseguiu chamar a atención de nenos, mozos e maiores. Nas festas infantís, no Día da Muiñera, nos concertos ou na Festa dos Maiores, a resposta do público foi espectacular, con asistencias masivas en todas as actividades.

Xosé Baqueiro, concelleiro de Festas, amósase moi satisfeito polo resultado destas festas xa que "a participación foi extraordinaria en todas as actividades organizadas, sobre todo nas pensadas para os máis novos". Ademais, quixo destacar o civismo que reinou durante os cinco días de festa "sobre todo, na véspera do festivo, o mércores, no que os rapaces demostraron un civismo exemplar xa que non hai que lamentar danos importantes". Do mesmo xeito, "a coordinación das forzas de seguridade do Estado, da policía municipal e dos servizos de limpeza axudou a que as festas transcorreran sen incidentes".

Os concertos foron os grandes protagonistas destas festas da Ascensión 2006. A ubicación no campus sur permitiu albergar a numerosos mozas e mozos, importante neste tipo de reunións "xa que a Quintana está preparada para reunir a 5.500 persoas e nos concertos do campus sur houbo ata 10.000 persoas", sinala Baqueiro. Con esta ubicación conseguiuse un escenario de maior tamaño e que asistiran todos os interesados, xa que todos os concertos foron gratuítos. "Con esta cambio –sinala Baqueiro– axudamos a preservar o patrimonio histórico-artístico da cidade, aínda que isto non significa que a zona vella da cidade acolla os concertos noutras citas".

No concerto de Kiko Veneno e Muchachito Bombo Infierno superáronse todas as expectativas con 10.000 asistentes. Xa no concerto de Celtas Cortos foron 8.000 os rapaces que se acercaron ata o campus sur para vibrar cos sons do grupo valisoletano, e o concerto de hip hop albergou a 4.000 persoas. Estes datos sitúan esta edición das festas como a máis multitudinaria dos últimos anos.

Para os maiores e para os nenos

Tamén as actividades organizadas para os maiores e os nenos tiveron unha participación moi significativa. As actividades que se celebraron polas rúas da cidade acolleron a numerosos participantes. Destaca principalmente o Día da Muiñeira, coa participación de máis de 500 nenos de 32 grupos folclóricos galegos que inundaron as rúas cos seus bailes e alegría. Ademais, as animacións e festas pensadas para os máis novos tamén contou cunha alta participación.

Por outra banda, a Festa dos Maiores reuniu a 2.500 persoas arredor da comida e dos bailes. A feira cabalar interesou a 15.000 persoas, que gozaron co espectáculo que ofreceron os cabalos de pura raza galega.

As orquestras tamén foron protagonistas nestes días, xa que foron moitos os que acudiron a Alameda a bailar ao ritmo dos seus sons. Destaca a actuación da orquestra París, que albergou a 4.000 persoas.

En definitiva, un grande éxito de participación nas diferentes actividades programadas e un gran comportamento por parte dos máis novos, que demostraron o seu civismo no transcurso das festas.

Compartir: