ALCALDÍA

O Concello solicita a Adif que se faga cargo da reparación e mantemento da pista de acceso á estación da Susana (Marrozos)

21/02/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o concelleiro de Medio Rural, Luis Bello, mantiveron unha reunión co xerente da Área de Servizos Loxísticos do Noroeste de Adif, Nicanor Álvarez; coa súa delegada de Patrimonio e Urbanismo de Asturias e Galicia, Celina Matías; e co seu xefe de Patrimonio, Víctor Alonso, para falar da situación da pista que dá acceso á estación da Susana, na parroquia de Marrozos, dende a estrada AC-960. Acordouse o estudo e posterior sinatura dun convenio, xa redactado polos servizos técnicos do Concello, polo que Adif se faría cargo da reparación e mantemento deste vieiro.

En caso de acordo, Adif executaría as obras segundo a memoria valorada realizada pola Concellería de Medio Rural, na que se describe o nivel de deterioro do vieiro, motivado polo paso de vehículos de gran tonelaxe, e as actuacións previstas no mesmo. Respóndese así a unha reiterada demanda dos veciños da zona, afectados polo mal estado da estrada e tamén polas vibracións dos devanditos vehículos pesados. Ademais das reparacións precisas, o Concello solicita a ADIF que se faga cargo do mantemento do vieiro en tanto se manteña a actividade.

A pista de acceso á estación da Susana, en Marrozos, dende a estrada AC-960 é de titularidade municipal. É o único vieiro que facilita o acceso á devandita estación e presenta un importante grao deterioro, debido ao paso de camións de gran tonelaxe, que transportan madeira para depositala, antes de ser cargada nos vagóns do tren, na explanada adxacente á estación. Estes vehículos xestionan diariamente unhas 60 toneladas.

O vieiro presenta fochas nunha gran parte dos seus 260 metros de lonxitude e o seu rego asfáltico está en mal estado. Ademais, os deteriorados bordes da calzada resultan intransitables e as cunetas son practicamente inexistentes polas marcas das rodas.

Compartir: