DEPORTES

Santa Isabel acollerá o primeiro partido oficial de fútbol americano en Santiago

20/02/2013 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou o partido de fútbol americano que disputarán os Black Ravens, de Santiago, e os Warriors, da cidade portuguesa de Braga, o domingo 24 de febreiro, ás 16:00 horas, no Campo Municipal de Santa Isabel. Este será o primeiro partido oficial desta modalidade deportiva que se dispute na cidade.

A entrada ao partido é de balde. Para esta ocasión, o Concello de Santiago adaptará o Campo Municipal de Santa Isabel ás medidas do fútbol americano e realizará un pintado especial do recinto de xogo. José Manuel Fontao e José Jiménez, integrantes dos Black Ravens, agradeceron este detalle, xa que están acostumados a un simple marcado con area dos recintos onde xogan.

O partido terá tamén un carácter solidario. Así, os representantes dos Black Ravens solicitaron ao público que acuda a Santa Isabel que traia consigo algún alimento non perecedoiro, que será destinado a unha entidade benéfica.

Os Black Ravens son o único club galego que xoga a IV Liga Portuguesa de Fútbol Americano, que xa vai pola súa cuarta edición. Esta competición conta xa con 11 equipos, de nivel parello, o que converte nun torneo moi competitivo. O equipo –antes Black Towers- escolleu esta Liga por este motivo e polos menores custos que supoñen os desprazamentos fronte aos da competición española, na que os equipos son maioritariamente cataláns e levantinos. O club santiagués, o único en Galicia que compite na LPFA xa foi dúas veces semifinalista neste torneo.

O equipo quere asentarse como proxecto deportivo na cidade. Así, agardan que o partido de Santa Isabel contribúa a difundir este deporte e á captación de novos practicantes. Os Black Ravens queren crear una base de canteira, cun equipo de tackle junior (a partir de 16 anos), co que competir na I Liga Galega de Fútbol Americano. Tamén pretenden formar un equipo de flag (modalidade sen contacto) para a iniciación dos máis pequenos. O club tamén organiza campus e outras actividades para promover a práctica desta disciplina.

Direcciones relacionadas



Compartir: