URBANISMO

A Comisión Asesora do Casco Histórico dá o visto bo á rehabilitación da residencia do convento da Ensinanza

19/02/2013 A concelleira de Urbanismo, Vivenda, Rehabilitación e Cidade Histórica María Pardo informou dos asuntos tratados na última reunión da Comisión Asesora do Casco Histórico. Entre estes citou o informe desfavorable á colocación duns indicadores na Catedral e o visto bo á rehabilitación do convento do Colexio da Compañía de María ou da Ensinanza.

A Comisión emitiu un informe desfavorable á instalación duns indicadores informativos nas entradas da Catedral, por considerar negativo o seu impacto visual. Instouse a formular outras alternativas.

Na orde do día tamén figuraba a obra de rehabilitación do convento da Ensinanza. Este proxecto, do arquitecto José Luis Pereiro, pretende acondicionar a actual residencia de estudantes para que esta sexa utilizada como residencia dos membros da comunidade relixiosa. A obra inclúe a instalación dun ascensor.

Ademais das obras de rehabilitación en dúas vivendas e da legalización de dúas antenas de telefonía no perímetro azul, a Comisión Asesora do Casco Histórico deu o visto bo á obra do Consorcio para restaurar a escultura de San Francisco de Asís, obra de Francisco Asorey e situada en fronte da igrexa do mesmo nome.

Compartir: