PARTICIPACIÓN CIDADÁ E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Prazas dispoñibles nos programas "Imos de Excursión" e "Cultura Viva"

18/02/2013 A Concellería de Participación Cidadá e Centros Socioculturais comunica que aínda quedan prazas para as próximas actividades dos programas Imos de Excursión e Cultura Viva. Fai túa Compostela.

A primeira viaxe do programa Imos de Excursión 2013, á comarca do Deza, o domingo 24 de febreiro, ten aínda prazas. Esta excursión gastronómica incluirá a degustación do tradicional cocido e visitas ao pazo de Oca, ao santuario do Corpiño e á Casa-Museo A Solaina. O prezo da viaxe é de 27 euros.

Por outra parte, xa está aberto o prazo de inscrición nas 17 primeiras rutas didácticas do programa Cultura Viva. Fai túa Compostela. A expedición inicial realizarase o sábado 23 de febreiro e leva por título "A auga en Compostela I". Seguindo o percorrido da auga, mostraranse as pegadas das antigas obras de enxeñería que forman parte da paisaxe dos barrios da cidade. Os participantes partirán dende o Centro Sociocultural das Cancelas (calzada das Cancelas nº 19 - baixo) ás 11:00 horas.

Xa para o 27 de febreiro está prevista a ruta denominada "A cerca da cidade I". Seguirase un itinerario descubrindo as pegadas dunha parte da muralla da cidade, presente e oculta en Compostela. O percorrido arrancará no palco da música da Alameda ás 11:00 horas.

Máis información e inscricións nos centros socioculturais.

Compartir: