XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a solicitude de 12 accións formativas para desempregados

14/02/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou a solicitude de 12 accións formativas destinadas a desempregados de longa duración. Ademais, deuse o visto bo ás actividades do programa Santiago Investors Support para 2013 e ao Plan de Control Tributario para o presente exercicio.

As 12 accións formativas, para as que solicita subvención á Consellería de Traballo e Benestar, están dirixidas especialmente a desempregados de longa duración procedentes de sectores en crise. Demándase financiamento para nove cursos pola vía da programación ordinaria: organización de proxectos instalacións solares térmicas; montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas; operacións de fontanería e calefacción doméstica; operacións auxiliares de montaxe de rede eléctrica; instalación de elementos de carpintería e montaxe e mantemento de redes de auga; xestión integrada de recursos humanos, asistencia á dirección e xestión contable e administrativa para auditoría.

Outros tres cursos realizaríanse en base a convenios de colaboración: montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión; operacións de gravación e tratamento de datos e documentos; e eficiencia enerxética de edificios.

De ser aprobados, estes cursos permitirán a especialización ou recualificación profesional de 180 persoas desempregadas, que durante o período de formación poderán percibir unha becas de formación. As accións formativas desenvolveranse entre os meses de xuño e novembro de 2013 nos dous centros de formación homologados dos que dispón o Concello de Santiago.

Santiago Investors Support
Por outra parte, aprobáronse as actividades do programa Santiago Investors Support para 2013. Establécese a realización do proxecto denominado Preparados para competir, que inclúe actividades formativas, obradoiros de maduración de proxectos, seminarios empresariais e patrocinios de eventos de carácter empresarial, cun investimento total previsto de 52.000 euros. Tamén se aprobaron dous encontros comerciais, con 150 prazas cada un (23.000 euros); gastos de promoción e divulgación por 20.000 euros e gastos xerais de funcionamento por 15.000 euros.

Plan de Control Tributario
En materia de Facenda, a Xunta de Goberno aprobou o Plan de Control Tributario para o exercicio 2013, tal como establece o artigo 116 da Lei 58/2003, do 17 de decembro. Este programa pretende loitar contra a morosidade e o fraude no pago de determinados impostos.

Subvencións
Seguindo coas subvencións, neste caso á Deputación da Coruña, solicítanse para: programas de dinamización educativa e cultural (32.500 euros); instrumentos, material informático e mobiliario para a Escola Municipal de Música e para o Centro Sociocultural de Santa Marta (32.500 euros); Escola Municipal de Música (10.000 euros); participación nos X Xogos do Eixo Atlántico (19.000 euros); e instalación do equipamento específico para a práctica do hóckey a patíns no polideportivo do CEIP Apóstolo Santiago (45.000 euros).

Documentos relacionados



Compartir: