CENTROS SOCIOCULTURAIS

O programa "Cultura Viva. Fai túa Compostela" volve con 17 novas rutas en febreiro, marzo e abril

14/02/2013 Volve Cultura Viva. Fai túa Compostela, tras o éxito da primeira entrega do programa en 2012. Para os meses de febreiro, marzo e abril, a Concellería de Participación Cidadá e Centros Socioculturais preparou 17 rutas (35 ata xuño) polo patrimonio, a historia, a arte, a artesanía e a natureza de Santiago. Nesta nova convocatoria, e tal como anunciara o concelleiro Francisco Noya, incorpóranse as parroquias do rural a estes percorridos.

O proxecto Cultura Viva. Fai túa Compostela quere consolidarse nesta segunda edición coma un proxecto educativo, participativo, de divulgación e participación social do patrimonio cultural, material e inmaterial existente no Concello de Santiago. Pretende descubrir aos propios composteláns espazos e lugares en moitos casos descoñecidos malia a súa proximidade, da man dos propios protagonistas da historia da cidade.

A nova programación, de febreiro a xuño, inclúe 35 itinerarios, planificados en función de factores como a climatoloxía, as demandas dos participantes e o obxectivo marcado pola Concellaría de incorporar rutas por territorio periurbán e rural como novidades.

Novas rutas e incorporación das parroquias
Dos 35 itinerarios, 25 son completamente novos. Salientan as 12 rutas que discorrerán polas parroquias. Para algunhas destas rutas precisarase utilizar transporte complementario en microbús, dado que o acceso a algúns lugares é complicado en autobús urbano.

Desta vez preséntanse as primeiras 17 rutas destas 35 totais. Realizaranse en horario de mañá (11:00 a 13:30 horas) e de tarde(18:00 a 20:30 horas. Os itinerarios de visitas ás parroquias levaranse a cabo os sábados pola mañá, co fin de facilitar a participación. A primeira das rutas deste novo calendario está prevista para o sábado 23 de febreiro, co título A auga en Compostela I. Saíndo do Centro Sociocultural das Cancelas, mostrará as pegadas das antigas obras de enxeñería que forman parte da paisaxe dos barrios da cidade.

Nesta edición destacan os novos itinerarios vinculados á riqueza patrimonial das parroquias rurais e zonas periurbáns, ao traballo dos artesáns en Compostela, aos espazos de creación e os artistas, á arquitectura na Cidade, ao barrio emblemático de Sar, aos espazos claustrais, ao Castelo da Rocha, aos balcóns de Compostela, ás casas da cidade e ás obras de enxeñería na cidade,

Ademais, en resposta á boa acollida que tiveron as rutas ofertadas na anterior edición e dado tamén o reducido dos grupos de cada ruta, o programa mantén algunhas delas, co fin de facilitar a participación de cidadáns que non puideron asistir no seu momento e facer rendible tamén o traballo de investigación que supón a preparación de cada itinerario.

Inscrición nos CSC
Cada ruta contempla un máximo de 20 prazas. As prazas ofertadas para este período de febreiro, marzo e abril son 340. Os interesados deben inscribirse presencialmente en calquera dos locais da Rede de Centros Socioculturais da cidade, ou por teléfono no CSC do Castiñeiriño (981 542 459), a partir do día 15 de febreiro e ata ir cubrirse as prazas.

O prezo de cada ruta para os veciños e veciñas de Compostela é de 1,50 euros, se ben existe a posibilidade de adquirir un bono de 5 rutas por 5 euros. Para desempregados e menores de 18 anos a participación será gratuíta. Para as persoas non empadroadas en Santiago, o prezo de cada percorrido será de 15 euros.

Edición 2012
A primeira edición do programa Cultura Viva. Fai túa Compostela, desenvolvida entre os meses de outubro e decembro de 2012, contou con 23 itinerarios, nos que participaron 523 persoas. O proxecto propiciou tamén a implicación de máis de 30 colaboradores (persoas voluntarias, membros de asociacións, representantes de institucións públicas e privadas) e 21 espazos vinculados aos distintos itinerarios.

Direcciones relacionadas



Compartir: