PREMIO

Down Galicia recibe en Santiago o primeiro galardón dos Premios de Voluntarios BBVA

13/02/2013 Os Premios de Voluntarios do BBVA, que este ano celebran a súa sexta edición, recoñeceron o labor da Federación Down Galicia, outorgándolle o primeiro galardón, dotado con 40.000 euros. Esta institución ten a misión de facilitar a inclusión sociolaboral das persoas con discapacidade intelectual, especialmente con síndrome de Down, no mercado de traballo, a través das prácticas formativas nas oficinas de BBVA.

David Conde, director comercial da Territorial Noroeste de BBVA, entregou este premio a Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, en presenza da primeira tenente de alcalde, Reyes Leis, nun acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos. O galardón é un recoñecemento ao carácter humano e innovador do proxecto Emprego con apoio.

Os 35 membros de Down Galicia que se van incorporar ao programa de prácticas formativas de BBVA traballarán catro horas diarias durante un período de 1-2 meses, en actividades administrativas: arquivo e destrución de documentos, fotocopia de expedientes e documentación, orden de fichas de firmas, arquivo de contratos e documentación xerada no día e tratamento de recibos, entre outras funcións.

Compartir: