CULTURA

Love of Lesbian ofrece dous concertos en Compostela coas entradas xa esgotadas

13/02/2013 Love of Lesbian, un dos grupos máis importantes do indie español, chega a Santiago de Compostela facendo unha das paradas na súa xira de inverno, para presentar o seu último traballo e como única data en Galicia. Será na Sala Capitol o xoves 14 e de novo o venres 15. Houbo que aumentar unha data ao esgotarse rapidamente as entradas para a primeira e, de novo, volveron esgotarse, polo que xa non quedan entradas para estes concertos. A xira estaos a levar por toda España e nela ofrecen o seu novo espectáculo dúas horas e media repasando moitos dos seus éxitos e as novas cancións do seu último disco, La noche eterna - Los días no vividos.

Love of Lesbian comeza a tocar no outono de 1998 en Barcelona, ano en que quedan en segunda posición no concurso de maquetas organizado pola revista Ruta 66. Co seu primeiro disco en inglés, Microscopic movies (1999), o seu nome recibe un gran impulso cando Robert Smith (The Cure) os escolle como teloneiros da súa xira Blood flowers.

En 2001 editan Is it fiction?, tamén en inglés. Será coa discográfica francesa Naïve cando editen o seu primeiro álbum en castelán, Ungravity (2003), co que conseguen un repertorio de pop fresco e cautivador. A repercusión do álbum failles actuar nos festivais de máis renome da Península e empezan a ser considerados como un dos grupos relevantes do panorama pop nacional. En 2005, o álbum Maniobras de escapismo recibe moi boas críticas dos medios especializados máis prestixiosos do país, que o escollen como unha das mellores producións do ano.

O seu nome destaca nos carteis de programación do FIB 2005 e do POPKOMN do mesmo ano en Berlín. Despois de case unha década de traxectoria, chega Cuentos chinos para niños del Japón (2007), unha volta máis cara á perfección do estilo. En 2009, con 1999, conseguen o seu primeiro disco de ouro. 1999 é un disco conceptual, unha obra artística completa onde se coida cada detalle, cada acción e onde consolidan a colaboración con Lyona, que se ocupa tamén da maioría dos videoclips promocionais.

No ano 2010, todos os membros do grupo deixaron os seus traballos para dedicarse en corpo e alma á música. Esta circunstancia levounos a unha realidade distinta, sobre todo horaria, con noites longas e días curtos. Love of Lesbian percorreron durante os últimos dous anos máis de 150.000 quilómetros por toda a Península, ofrecendo 150 concertos que gozaron 250.000 persoas. Comparten a súa vida profesional con 142.697 fans en Facebook e con 60.000 en Twitter.

Un cambio de vida que inspirou a Santi Balmes (letrista) a levar a cabo o novo proxecto La noche eterna – Los días no vividos, un disco dobre con distinta franxa horaria. O primeiro, cóntanos todo o que podes chegar a vivir durante a noite, o outro, todo o que deixas de facer por vivir a noite. Pequenas historias que transcorren entre o ocaso e a madrugada. Seres anónimos e noctámbulos que mesturan realidade e ficción e que se moven entre a crueza e o humor. Dous discos cunha luz distinta dependendo de en que momento do día transcorren as fabulas.

Compartir: