FESTAS

As festas da Ascensión reúnen a máis de 25.000 persoas na rúa, das que 10.000 estiveron no concerto de Kiko Veneno e Muchachito

25/05/2006 As festas da Ascensión empezaron con bo tempo e mellor ambiente. Máis de 25.000 persoas saíron á rúa, na tarde-noite do mércores, para desfrutar das actividades na zona vella, a Alameda e o campus sur; neste último espazo, arremuiñáronse unhas 10.000 persoas para presenciar o dobre concerto de Kiko Veneno e Muchachito Bombo Infierno, segundo datos facilitados polo concelleiro delegado de Festas, Xosé Baqueiro. É a participación e un programa pensado para os mozos e universitarios, así como para nenos e maiores, o que destaca Baqueiro, ademais de manifestar a súa "satisfacción" polo éxito dos concertos e da participación no arranque das festas.

As Festas da Ascensión 2006 seguen animando aos composteláns a través das numerosas actividades, concertos e festivais que están organizados ata o próximo sábado. Na xornada do venres 26, o protagonismo será para as letras reivindicativas e con forza que se transmitirán no festival de hip hop que se celebrará no campus. Frank T e Ariadna Puello, referentes do movemento hiphopero a nivel nacional, animarán a todos os asistentes cos seus ritmos pegadizos. En contraposición, os amantes da música máis tradicional teñen a oportunidade de gozar cos sons do grupo coruñés Ca Lúa, quen ofrecerán un repertorio dos seus mellores temas no Toural. E xa toda a familia poderá bailar arredor dos compases da orquestra Tango. Unha velada chea de diferentes ofertas musicais pensada para todos os gustos.

Pola tarde os maiores amosarán as súas habilidades no XXVIII Campionato de Chave que se celebrará na Alameda mentres que para os máis novos está preparada unha festa infantil na que as gargalladas están aseguradas.

Presentación do Día da Muiñeira

O concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, presentará o venres 26 de maio, ás 12:00 horas, o programa do próximo Día da Muiñeira que terá lugar o sábado, 27 de maio e que albergará múltiples actividades. Na rolda, que terá lugar no Concello da cidade, estará acompañado polo coordinador do Día da Muiñeira, Anxo Sanmartín e representantes de Cantigas e Agarimos.

Direcciones relacionadas



Compartir: