URBANISMO

Resolto o problema de seguridade da balaustrada de Rosalía de Castro colocando barrotes de ferro nos ocos existentes

13/02/2013 A Concellería de Urbanismo vén de solucionar o problema de seguridade da balaustrada da rúa Rosalía de Castro, provocado pola excesiva anchura dos ocos entre balaústres, que mesmo causara recentemente un accidente no que resultara ferida unha nena. Investíronse 8.255 euros na colocación de 382 barrotes de ferro nos 191 ocos da balaustrada.

Segundo lembra a concelleira de Urbanismo, María Pardo, o 9 de xullo de 2012 chegara ao seu Departamento unha carta na que unha parella denunciaba que a súa filla de 3 anos caera dende unha altura de varios metros na rúa Rosalía de Castro, ao colarse a través dos balaústres que bordean esta céntrica e transitada rúa. Os técnicos municipais inspeccionaron a balaustrada, construída nos anos 80, e comprobaron que os ocos entre balaústres tiñan unha anchura duns 35 centímetros. Esta medida incumpre a normativa actual (Orde VIV/561/2012, de 1 de febreiro, que desenvolve o Real Decreto RD 505/2007), segundo a cal a anchura destes ocos non pode superar os 10 centímetros.

Buscada a partida orzamentaria e tras solicitar orzamentos a varias empresas, encargouse a fabricación e colocación de 382 barrotes de ferro nos 191 ocos da balaustrada. Esta obra supuxo o investimento de 8.255 euros na solución deste problema de inseguridade.

Compartir: