CONSORCIO

Unha nova publicación do Consorcio afonda na historia compostelá do XIX a partir da visita de Isabel II en 1858

13/02/2013 O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, presentou o libro A visita de Isabel II a Galicia en 1858, de Margarita Barral, editado polo Consorcio e a editorial Sotelo Blanco. Esta nova publicación afonda na historia compostelá do século XIX, analizando una acontecemento relevante como foi a visita real a Galicia de 1858. Este feito concreto serve para falar no concepto de "nation building", que dende comezos do século XIX os gobernantes españois querían introducir entre a poboación.

O libro detense, nun primeiro momento, nos aspectos sociolóxicos e demográficos da Galicia do século XIX para, a continuación, lembrar, a modo de crónica, a visita que en 1858 fixo a raíña Isabel II, acompañada do seu marido e fillos e toda a corte, a Galicia, e a súa estancia na cidade de Santiago, entre o 7 e o 10 de setembro. Co libro podemos coñecer os detalles desta visita e como era a vida cotiá da cidade e dos seus gobernantes. Descóbrense todos os festexos que tiveron lugar, o engalanado de rúas, as cerimonias oficiais e os agasallos que recibiu a comitiva real.

Margarita Barral ten publicado varios ensaios sobre a historia contemporánea en Galicia, entre eles outro publicado polo Consorcio de Santiago e que repasa a figura de Montero Ríos.

Compartir: