EDUCACIÓN

As I Xornadas de Órgano Mariano Tafall queren poñer en valor este instrumento tan ligado a Santiago de Compostela

13/02/2013 O Conservatorio Profesional de Música de Santiago organiza as I Xornadas de Órgano Mariano Tafall do 16 ao 22 de febreiro, co obxectivo de por en valor este instrumento, que forma parte do patrimonio compostelán e galego. Realizaranse varios concertos en igrexas, conferencias e visitas a órganos históricos da cidade.

A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez, presentou estas Xornadas, nas que se presentará o órgano dende diferentes perspectivas: non só se escoitará, senón que se viaxará ao seu interior. A edil resaltou o esforzo que supuxo identificar máis de 80 órganos antigos e lembrou o traballo que vén realizando o Consorcio de Santiago na recuperación destes instrumentos na cidade.

As actividades comezarán o sábado 16 de febreiro, ás 12:00 horas, cun concerto na igrexa de San Paio de Antealtares. O seguinte concerto, será o venres 22 de febreiro, ás 18:00 horas, na igrexa da Universidade. Terá unha orientación didáctica, da que se encargará Marisol Mendive, a única profesora de órgano de Galicia, quen dirixe á súa vez a única cátedra deste instrumento existente na Comunidade Autónoma, en Ourense. Os alumnos desta e os do Conservatorio de Porto (Portugal) estarán no concerto da igrexa de San Paio.

Outra parte importante das Xornadas serán as visitas guiadas a órganos históricos da cidade, neste caso aos da capela das Ánimas e ao da Catedral. A primeira será o luns 18 de febreiro, ás 16:00 e 18:30 horas, e a seguinte o mércores 20 de febreiro, no mesmo horario. A primeira visita é aberta e a segunda para a comunidade educativa do centro, cun máximo de 25 persoas en ambos casos. Os interesados deben realizar as súas solicitudes a través da web do Conservatorio ou da Secretaría do mesmo.

O programa complétase cunha conferencia sobre o patrimonio organístico a cargo de Andrés Díaz e Belén Bermejo. Celebrarase o martes 19 de febreiro, ás 20:00 horas, na biblioteca do Conservatorio. Levará por título: Ós órganos de Galicia na encrucillada da súa catalogación.

Acompañaron a Rebeca Domínguez na presentación destas Xornada so directo do Conservatorio Profesional de Música de Santiago, Miguel Ángel López Fariña; a secretaria do mesmo, María Jesús Hervás; e o director da Área de Cultura da USC, Pablo Sampedro.

Mariano Tafall (1817-1874) foi o último gran construtor de órganos da Catedral de Santiago, ademais de instrumentista, profesor e compositor. Foi autor do gran tratado de organería escrito na Península Iberica, manual de referencia para os construtores da actualidade. Chega a Santiago en 1855 para ocupar o posto de organeiro da Catedral e de músico da Capella Musical Compostelana. En Santiago abre taller de organería na súa casa situada na Costa Vella nº 2 (hoxe desaparecida).

A súa actividade organeira en Galicia é moi intensa xa que, ademais de encargarse da conservación dos órganos da Catedral compostelá, reforma os órganos de Ourense, Tui e Lugo, e constrúe un dos órganos de Mondoñedo. No seu labor de organeiro publica a partir de 1872 o tratado Arte completo del construtor de órganos o sea guía manual del organero.

A familia Tafall botou profundas raíces en Galicia e a súa descendencia desempeña papeis destacados na sociedade. O seu fillo, Santiago Tafall (Santiago, 1858-1930), foi o gran musicólogo galego de finais do XIX e principios do XX. Coengo da Catedral, organista, mestre de Capella, profesor de música e conferenciante, foi un dos grandes dinamizadores da música na sociedade compostelá. O seu bisneto, Bibiano Fernández Osorio-Tafall desempeñou unha grande actividade científica e política, sendo alcalde de Pontevedra e deputado nacional por dúas veces, participando na redacción do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía (1936).

Compartir: