MOBILIDADE

O servizo de transporte urbano renova a súa flota con tres novos autobuses

12/02/2013 O servizo de transporte urbano de Santiago de Compostela segue renovando permanentemente a súa flota e substituíndo os seus vehículos máis vellos por outros máis novos e respectuosos co medio ambiente. Desta vez incorpóranse tres novos autobuses, presentados na praza do Obradoiro polo alcalde, Ángel Currás; o conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Albino Vázquez.

A adquisición destes tres novos vehículos enmárcase no convenio de colaboración polo que se crea a área de transporte metropolitano de Santiago de Compostela, co obxectivo de promover un fomento dun transporte limpo. Este é precisamente un dos eixes do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional de Galicia 2007-2013, que prevé medidas como a substitución de autobuses de máis de 12 anos por outros máis respectuosos co medio ambiente. No ámbito do devandito convenio e destes fondos FEDER, a Xunta adxudicou a compra dos tres autobuses por un importe total de 600.000 euros.

O alcalde destacou a vontade das administracións representadas no acto en "converter este concello de cabeceira da nosa área metropolitana, nunha cidade permeable ao transporte do noso entorno, onde se traballe claramente polo transbordo e a intermodalidade e no que o noso esforzo diario pola mellora da mobilidade se transforme en sostibilidade e en que o transporte público sexa unha opción clara real para os nosos habitantes e visitantes nos seus desprazamentos". Congratulouse polo grao de utilización do transporte metropolitano, que "se traduce en menos coches, en máis transporte público e, en definitiva, nunha racionalización das nosas infraestruturas".

A propósito destes novos tres vehículos, o concelleiro de Mobilidade, Albino Vázquez, apuntou que, coa súa incorporación, substituíndo ao outros tres máis vellos, a idade media da flota do servizo de transporte urbano de Santiago se sitúa nos seis anos e medio. Ademais, anunciou que a esta flota, composta por 53 autobuses, se sumará a vindeira semana outra unidade, da empresa Garabanxa, que cubrirá o percorrido entre o Polígono do Tambre e a rúa da Rosa.

Volvendo ao transporte metropolitano da área de Santiago, o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, salientou que no pasado ano rexistrou un incremento do 13% no número de viaxeiros, ao pasar de 2,3 millóns de desprazamentos en 2011 a 2,7 en 2012. Sinalou que esta suba se rexistra nun contexto de caídas no transporte público en España, cunha diminución do 3,5% en 2012 respecto o exercicio precedente.

Agradeceu a colaboración do Concello na posta en marcha deste Plan de Transporte Metropolitano, que no caso de Santiago supón aforros de ata o 50% para os veciños de 13 municipios.

Depuradora
Preguntado pola futura estación depuradora de augas residuais (EDAR), Agustín Hernández indicou que "estamos unicamente pendente de aprobación orzamentos da Xunta de Galicia para pechar o acordo entre Ministerio de Medio Ambiente, Concello e Xunta para buscar a fórmula axeitada que permita facer a depuradora na súa nova ubicación. AquaNorte xa traballa no deseño do proxecto e, en paralelo, estase tramitando a modificación da declaración de impacto ambiental para a nova ubicación do Souto".

Compartir: