SEGURIDADE CIDADÁ

O Plan de Emerxencias Municipal establece protocolos de actuación e de coordinación para situacións de risco

11/02/2013 O concelleiro de Tráfico, Mobilidade e Seguridade Cidadá, Albino Vázquez, presentou o Plan de Emerxencias Municipal (PEMU). Este documento establece protocolos de actuación e un sistema de coordinación permanente para situacións de emerxencia.

Este Plan de Emerxencias Municipal establece, ao longo de 11 capítulos e catro anexos, unha descrición do territorio (xeografía, poboación, vexetación, xeomorfoloxía, industria, vías de comunicación, etc), analiza e valora os riscos para a poboación e fai un compendio dos medios humanos e materiais dos que o Concello pode facer uso no caso de que se materialice o risco. Ademais, establece os equipos e procedementos para facer fronte aos distintos riscos, e inclúe unha serie de protocolos de actuación no caso de que o Concello precisase de medios alleos para atender a situación de emerxencia. Neste caso contémplanse diferentes niveis de transferencia administrativa.

O documento fixa unha relación de medios e recursos necesarios para facer fronte ás diversas situación de risco, determinándose catro protocolos de actuación: fronte a accidentes de mercadorías perigosas, incendios forestas, incendios urbanos de carácter grave e fortes temporais.

O PEMU supón tamén a creación dunha serie de órganos de coordinación e estruturas, tales como a Xunta Local de Protección Civil, o Comité Asesor e mesmo un Gabinete de Información. A activación do Plan corresponderá ao director do mesmo, que será o alcalde ou persoa na que delegue. Dende ese momento poranse en marcha unha serie de actuacións, unhas automáticas e outras que dependerán do tipo de urxencia.

O director do Plan xuntarase co Comité Asesor no denominado Centro de Coordinación Municipal (CECOPAL). Será aquí onde se xestione a resolución da emerxencia, trasladando as correspondentes directrices aos distintos grupos de acción: intervención, sanitario, seguridade, transmisións, loxístico e de rehabilitación. Todos estes estarán coordinados dende o posto de mando avanzado polo director técnico de Emerxencia.

Albino Vázquez explicou que este PEMU é un documento obrigatorio xa dende 2007, pero que o Concello carecía del. Agora será sometido á aprobación inicial do Pleno na sesión de febreiro. Tras o período de alegacións e unha vez recibido o visto bo definitivo da Corporación, o documento deberá ser homologado pola Comisión Galega de Protección Civil.

Para o concelleiro, este Plan permitirá actuar con maior "eficacia e rapidez" nas situacións de emerxencia. Lembrou finalmente que este é "un documento vivo, dinámico e suxeito a cambios en función das circunstancias que concorran, polo que se revisará periodicamente".

Compartir: