FESTAS

Espectacular exhibición de doma con cabalos de pura raza galega para festexar o día grande da Ascensión

24/05/2006 Santiago de Compostela acolle o xoves 25 o día grande das Festas da Ascensión. Un amplo programa para gozar coa familia e tamén momentos de ocio e diversión para os máis novos. Comezará a xornada co Concurso Cabalar no recinto feiral de Amio, no que sementais da sección de doma do "Centro de Referencia do Cabalo de Pura Raza Galega" executarán unha serie de fermosos exercicios combinados de doma de alta escola e fantasías ecuestres. Dous cabalos de pura raza galega, "Artes e Azabache", realizarán aires de alta escola como piagge, pasagge, paso español, corbetas, elevadas, cabriolas e parapetos. Todo,acompañado por unha coreografía e unha sintonía musical autóctona a base de temas populares de pandereteiras e un vals sinfónico galego.

Os cabalos de pura raza galega participarán no Concurso Morfolóxico Oficial puntuable para o Campionato Galego que se celebrará oficialmente nas competecións de mañá, xoves. A xornada rematará coa entrega do Gran Premio Dragóns de Santiago, que será para o cabalo ou egua de Pura Raza Galega que consiga maior número de puntos nos concursos morfolóxicos. Os máis pequenos poderán gozar tamén do espectáculo a través da monta de ponis, de forma gratuíta para todos aqueles que visiten a feira.

En paralelo, pola mañá, as rúas da cidade converteranse nun auténtico espectáculo de cores e fantasía cos pasarrúas de cabezudos, gaiteiros, teatro para nenos polos Colombaíños ou a fanfarria Os Celtas. Tamén haberá tempo para o deporte coa celebración do sétimo Trofeo Festas da Ascensión de ciclismo.

Música para todos os gustos

Xa pola noite producirase o reencontro cun dos grupos máis carismáticos do panorama español: Celtas Cortos, que regresan co seu vocalista, Jesús Cifuentes, para conmemorar o seu vixésimo aniversario no mundo musical. Dani Bellón e Diego Maceiras ofrecerán a súa música tradicional galega a través da gaita e o acordeón na praza do Toural e o momento para bailar estará reservado á Orquestra Panorama que ofrecerán o seu repertorio musical na Alameda da cidade.

Direcciones relacionadas



Compartir: