VÍAS E OBRAS

Retirados os entullos e liberado o acceso ao garaxe na rúa de Betanzos

08/02/2013 A Brigada de Vías e Obras rematou as tarefas de desentullo na rúa de Betanzos, onde na mañá do sábado 19 de xaneiro se producía o desprendemento dun talude e o enterramento dun vehículo estacionado na devandita rúa. Este coche xa foi retirado e quedou liberado o acceso ao garaxe.

Estes labores de desentullo non puideron realizarse ata ter eliminado o risco de corrementos de terra, xa que as pedras derrubadas actuaban a modo de suxeición. Unha vez retirados os entullos e limpada a superficie, estase a rematar a redacción do proxecto que permitirá introducir a maquinaria necesaria para apuntalar o terreo e construír tamén o muro inicialmente contemplado no deseño do edificio.

Cómpre lembrar que o noiro cedera polo efecto das choivas, que provocaran o derrubamento das pedra e o corremento de terras, feito tras o que a Brigada de Vías e Obras xa acometera unha actuación de emerxencia consistente na construción dunha gabia para facer que a escorrentía da auga fora en dirección contraria ao talude.

Sobre esta obra da rúa de Betanzos, o concelleiro responsable da Brigada, Juan de la Fuente, lembrou que en 2009 un decreto municipal obrigaba aos veciños a realizala, pero que unha sentenza do contencioso-administrativo de 2012 ditara que este muro de contención lle correspondía construílo ao Concello, por tratarse dunha parcela municipal. De aí o proxecto encargado por Urbanismo a finais de decembro.

Recordou igualmente que, cando se outorgara a licenza de primeira ocupación en 2004, o técnico municipal non considerara necesario o muro. Finalmente, lamentou que tampouco se actuara sobre a orixe do problema cando xa houbera problemas en 2009 e anunciou que "haberá que indemnizar á persoa que tiña o seu vehículo estacionado".

Compartir: