XUNTA DE GOBERNO

Cambio na prestación do servizo de transporte urbano entre o Polígono do Tambre e a cidade

07/02/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou a subscrición do contrato de servizo de transporte urbano de viaxeiros ao Polígono do Tambre. Tamén se iniciou o procedemento para contratar unha empresa externa que xestionará o cobro das infraccións en materia de disciplina urbanística.

A nova prestación do servizo urbano que une o Polígono do Tambre coa cidade ten a súa orixe nunha sentenza xudicial que recoñecía á empresa Autos Garabanxa a titularidade da concesión no tramo comprendido entre o Polígono e a cidade a través. Debido a que a empresa concesionaria Tralusa debe deixar de cubrir este tramo, chegouse a un acordo coa devandita empresa para asegurar a prestación do servizo aos usuarios da área industrial. Segundo apuntou a voceira adxunta da Xunta de Goberno, Reyes Leis, este acordo permitirá un aforro para as arcas municipais de 117.914 euros.

Deste xeito, a liña 1, que cubría o traxecto entre o Hospital Clínico e o Polígono do Tambre, só chegará ata o cemiterio de Boisaca. O Polígono do Tambre –coas paradas comprendidas neste- pasará a estar atendido por Autos Garabanxa, que se converterá nun operador máis do servizo de transporte urbano de Compostela. Esta liña terá o seu remate na rúa da Rosa. As condicións para os usuarios non variarán.

Urbanismo
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi o inicio do expediente para contratar unha empresa externa que xestionará o cobro das sancións en diversas materias de disciplina urbanística. O tipo de licitación fíxase en 28.924 euros.

Grazas a este servizo, explicou Reyes Leis, mellorarase a eficacia do cobro destas sancións. Neste sentido, indicou que a falta de persoal e a complexidade da tramitación fai que, nos últimos anos, a penas se cobre o 6% das sancións impostas.

Deportes
En materia de Deportes, autorizouse á Federación Galega de Rugby o uso do Estadio Municipal de San Lázaro e do campo de adestramento San Lázaro II para poder organizar tanto os adestramentos como o propio partido oficial entre as seleccións de España e Portugal. Este uso autorízase para os días 11 a 17 de marzo. Ademais, autorízase o cobro de entrada, colocación de elementos publicitarios e dun servizo de bar.

Educación
A proposta da concelleira de Educación, concedeuse o uso das instalacións do CEIP Apóstolo Santiago pola Asociación de Nais e Pais do centro para a realización dun campamento nas vacacións de Entroido. Celebrarase os días do 11 ao 13 de febreiro en horario de 7:45 a 16:00 horas.

Documentos relacionados



Compartir: