URBANISMO

Santiago acollerá en marzo unha xornada de arqueoloxía en torno ás Cidades Patrimonio

06/02/2013 A Comisión de Patrimonio e Cidade do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, na que participou a concelleira de Urbanismo, María Pardo, acordou a celebración en Santiago, a mediados de marzo, dunha Xornada de Arqueoloxía. Ademais, acordouse realizar máis estudos sobre o impacto e control da sobrepoboación de aves en áreas urbanas.

O Grupo de Traballo sobre Patrimonio e Urbanismo acordou, ademais da celebración da xornada sobre arqueoloxía, a publicación dos relatorios da mesma, así como das realizadas con anterioridade en Cáceres. Este mesmo Grupo decidiu licitar un estudo comparado das diferentes normativas e ordenanzas urbanísticas das Cidades Patrimonio de España.

Nesta mesma materia, celebraranse en Tarragona unhas xornadas sobre elaboración de plans de xestión para as Cidades Patrimonio, documentos esixidos pola UNESCO, e redactarase un Libro Branco sobre patrimonio.

Pola súa parte, o Grupo de Traballo sobre Medio Ambiente, acordou realizar en colaboración coa Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife), un estudo relativo ás seguintes cuestións:

- Avaliación do grao de coñecemento e estado de conservación do patrimonio natural, permitindo aos responsables municipais contar con ferramentas necesarias para tomar decisións e medidas que melloren a biodiversidade do municipio e vinculen a conservación do patrimonio cultural e do patrimonio natural.

- Cumprimento da lexislación vixente en materia de conservación do patrimonio natural.

- Divulgación e sensibilización da poboación das Cidades Patrimonio sobre os valores do patrimonio natural.

- Proposición de ferramentas e medidas efectivas que permitan chegar a uns programas de actuación que reforcen as sinerxias entre a conservación do patrimonio natural e o patrimonio cultural.

Doutra parte, tamén en colaboración coa SEO, aprobouse a ampliación da análise específica dos danos causados por desaxustes poboacionais de animais en determinadas áreas urbanas e das alternativas para o seu control.

O Grupo de Traballo sobre Seguridade acordou a realización de diversos cursos para traballadores de museos, arquivos e bibliotecas e para bombeiros. Finalmente, deuse o visto bo á celebración dunhas Xornadas de Accesibilidade e Mobilidade no Patrimonio. Terán lugar en Cáceres, os días 17, 18 e 19 de abril, e están dirixidas a técnicos da Comisión de Accesibilidade e Mobilidade do Grupo de Cidades Patrimonio.

Compartir: