CULTURA

The Brew, por primeira vez en Compostela dentro do ciclo Blues Nite

05/02/2013 O ciclo Blues Nite presenta en concerto a The Brew, que están por primeira vez en Compostela. Será nun concerto na Zona C o mércores 6, a partir das 21:00 horas. Despois de The Brew estarán no Blues Nite, o 7 de maio, a divertida e desenfadada proposta dos mexicanos Mighty Calacas, fusionada co blues do que probablemente é a gran figura internacional do blues galego, o compostelán Marcos Coll.

The Brew UK Live in Europe, publicado o pasado setembro é o esperado primeiro álbum en directo do grupo, quinto da súa carreira, e reflicte a gran forza e paixón que transmiten ao público en todas as súas actuacións. Nesta nova xira española ofrecerán un espectáculo renovado, intenso e xeneroso en duración con cancións de toda a súa discografía, algunhas que nunca tocaron en España e para despedirse, como vén sendo habitual neles, versionarán algunha canción de Jimi Hendrix ou Led Zeppelin, o seu tributo particular a quen máis os inspirou.

The Brew souberon recoller como ninguén a herdanza do blues rock daqueles tríos e bandas esenciais dos anos 60 e 70, tales como Jimi Hendrix Experience, Cream, Led Zeppelin ou os Pink Floyd da primeira época con Syd Barrett, consolidando en poucos anos un estilo propio recoñecible que os fai únicos no circuíto de rock internacional. Nos últimos anos compartiron escenarios con Red Hot Chilli Peppers, Jeff Beck, Ozzy Osbourne, Judas Priest, Whitesnake, Eric Burdon, The Cult, Thin Lizzy, Jethro Tull, Joe Bonamassa e Lynyrd Skynyrd. Con estes últimos actuaron o pasado xuño nos catro únicos concertos que ofreceron en Alemaña.

As entradas, a 10 euros, poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), en A Reixa Tenda e na billeteira da Zona C o propio día do concerto.

Compartir: