FACENDA

O Concello efectúa o pago de máis de 800.000 euros de subvencións nominativas e de concorrencia competitiva

05/02/2013 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, informou que se vén de pagar ás diferentes entidades sociais, culturais, deportivas, veciñais e empresariais da cidade as cantidades que lle correspondían por subvencións nominativas do exercicio 2012. En total, ingresáronse 820.000 euros, aos que hai que sumar outros 50.000 derivados das subvencións no marco do Pacto polo Emprego.

Esta medida supón, segundo a concelleira, "bater un récord" neste tipo de pagos, xa que, habitualmente, "se viñan realizando ao longo do ano, dependendo da fiscalización e da dispoñibilidade de tesourería". En particular, salientou a importancia que estes ingresos teñen para as entidades sociais, entre as que se repartiron 345.000 euros. Ademais desta partida, destacan outras como as de 210.000 euros para entidades deportivas, 100.000 para entidades culturais, 80.000 para Promoción Económica ou 65.000 para Participación Cidadá.

Segundo Cecilia Sierra, esta rapidez no pagamento foi posible por tres razóns: o crédito ICO pedido no seu día, que fixo que houbera neste momento dispoñibilidade en tesourería; a eficacia na xestión dos expedientes polos diferentes servizos; e a vontade do Goberno municipal de facer os pagos o máis rápido posible. Outro exemplo desta vontade política, dixo, é que "na actualidade, as empresas con contratos están cobrando a mes vencido, cando á nosa chegada ao Goberno municipal estaban cobrando incluso cun ano de retraso".

A concelleira explicou que o obxectivo do Goberno respecto a estas subvencións nominativas é que poidan cobrarse incluso durante o propio exercicio, pero que a dificultade neste sentido é que "hai entidades que non presentan as xustificacións ata decembro".

Volvendo ao pago a provedores, Cecilia Sierra anunciou que se vai intentar tramitar a débeda existente na actualidade coa empresa que presta o servizo de conserxería e limpeza de colexios a través dunha modificación de crédito sobre o orzamento prorrogado de 2012. Apuntou que esta modificación, en troques de incluír a débeda –de 600.000 euros- xa nos orzamentos de 2013, "permitiría adiantar o pago en aproximadamente uns 15 días".

Documentos relacionados



Compartir: