ALCALDÍA

Concello de Santiago e Foro Cívico coinciden na necesidade de potenciar Lavacolla como aeroporto de referencia de Galicia

05/02/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, reuníronse en Raxoi co presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, e con outros representantes do Foro Cívico. O encontro serviu para analizar a folla de ruta formulada por este colectivo para potenciar o aeroporto de Lavacolla

Ángel Currás salientou a necesidade de abordar o futuro do aeroporto de Lavacolla, entendido como "aeroporto central de Galicia" e en beneficio non só de Santiago, senón de toda a Comunidade Autónoma. Para o alcalde, a folla de ruta marcada por este Foro Cívico "marca un punto de partida para traballar todos conxuntamente na potenciación do aeroporto". Así, este documento de intencións seralle transmitido tamén á Xunta de Galicia, a AENA e ao Ministerio de Fomento.

Preguntado por aspectos concretos desta folla de ruta, falou da importancia da busca de novas conexións internacionais. Neste sentido, lembrou o crecemento que en Santiago está a rexistrar o turismo internacional, fronte á caída do turismo doméstico no actual contexto de crise económica. En calquera caso, e a propósito das cifras do aeroporto en 2012, resaltou que, malia esta situación económica, a caída "non é moi importante", comparándoa cos retrocesos rexistrados noutros aeródromos españois.

Sobre o futuro da vella terminal, remitiuse ao estudo presentado sobre a viabilidade de situar alí un parque tecnolóxico. "É unha proposta que está sobre a mesa e que se estudará", dixo.

Pola súa parte, o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, referiuse tamén a esa folla de ruta para apuntar que "o aeroporto central de Galicia ten unha potencialidade de crecemento moi importante. Temos que ser moi ambiciosos, contamos co mellor aeroporto do norte peninsular e debemos aspirar aos números do aeroporto do norte do Portugal, malia que alguén poida pensar que iso hoxe é unha quimera".

Asorey situou este documento de intencións no actual contexto económico. "Non temos nada en contra dos demais aeroportos, pero si temos que ser realistas e hai que potenciar o que maior rendibilidade poida dar e o que menor custo económico poida supor", indicou. Neste sentido, dixo, "queremos coñecer os plans da Xunta para os aeroportos de Galicia. Non estamos falando de subvencións, senón de política aeroportuaria", engadindo que "non é viable a mesma solución para os tres aeroportos".

Documentos relacionados



Compartir: