INFRAESTRUTURAS

As obras da estrada de San Lourenzo, na súa recta final

24/05/2006 Mellorar as condicións de seguridade na estrada de San Lourenzo é o obxecto da actuación que se está a levar a cabo nesta vía, a onde se achegou hoxe, mércores 24, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo. O Pleno da Deputación da Coruña aprobará o xoves 25 de maio a última etapa deste proxecto –os dous primeiros xa están rematados–, que inclúe nova pavimentación, iluminación e actuacións paisaxísticas. O orzamento desta fase é de 545.354 euros.

As obras desta última etapa inclúen o remate das beirarrúas, con lousas de granito na zona situada fronte ao Pazo de San Lourenzo e con lousas de formigón no resto da vía. Ademais, fixarase unha barandilla na marxe esquerda da estrada como elemento de contención para os peóns ante a diferenza de alturas respecto ás parcelas limítrofes.

Este elemento de seguridade completarase co completo alumeado do vía, co fin de que dotalo das condicións axeitadas para a circulación de vehículos e de persoas. Estanse a instalar conxuntos de columnas de luz ó longo da estrada e farois decorativos no entorno do Pazo. A actuación tamén contempla melloras medio ambientais na zona, coa plantación de bidueiros nas beirarrúas.

Na súa visita ás obras, Sánchez Bugallo destacou a importancia que a obra terá para a seguridade dos peóns, coa creación dunhas beirarrúas ata agora inexistentes. "Hoxe quedan dous carrís de 3,5 metros de ancho cada un e 2,5 metros de beirarrúa a cada lado, co que unha vía de cinco metros se converte nunha de doce", apuntou. O tramo de estrada afectado é duns 840 metros de longo, que estarán abertos ao tráfico en canto as condicións de seguridade o permitan.

O alcalde tamén visitou as obras que se están a realizar en Ponte Bafín, na parroquia de Grixoa. Alí construíuse unha ponte, co obxecto de facer a estrada máis accesible para os vehículos pesados, que tiñan grandes dificultades para superar o radio das curvas. Elevouse a ponte sobre o río e reduciuse e transformouse este tramo nunha única curva máis aberta. A obra ten un custo total de 564.515 euros e estará rematada no prazo dun mes.

Acompañaron ao alcalde nestas dúas visitas o voceiro do goberno e presidente da Comisión de Infraestruturas, Vías e Obras da Deputación da Coruña, Francisco Candela; o concelleiro de Infraestruturas e Equipamentos, Bernardino Rama, e o director da obra, Joaquín López Menéndez.

Compartir: